Pasar al contenido principal
STG

As características do actual mercado de traballo estudaranse nun curso de verán da USC

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

A Escola Universitaria de Relacións Laborais organiza do 9 ao 13 de xullo un curso de verán destinado a analizar de xeito interdisciplinar as actuais características do mercado de traballo. Patrocinadas pola Fundación Caixa Galicia e a Consellaría de Traballo, as sesións académicas diríxeas o profesor da USC Carlos Javier Álvarez Fernández.
O curso ‘Mercado de traballo e emprego’, no que colabora a Deputación da Coruña, comezará o luns 9 ás 10:30 horas cunha conferencia do profesor da Escola Universitaria de Relacións Laborais da USC, Pedro Rey Suárez, sobre a situación xeral do complexo mercado laboral. A continuación, o encontro seguirá con cuestións como a evolución da lexislación laboral, os traballadores das empresas responsables e a visión dende a Inspección de Traballo do mercado galego.
No transcurso da seguinte xornada, varios expertos analizarán as políticas públicas en materia de emprego, a situación dos traballadores autónomos, o autoemprego e a negociación colectiva. Como peche da sesión do martes 10, a Escola acollerá unha mesa redonda sobre inmigración e emprego.
Ao día seguinte, os conferenciantes do curso falarán sobre o traballo na Administración Pública, a siniestralidade laboral, os empregados públicos e o dereito privado e, ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre o presente e futuro dos mediadores no mercado de traballo.
As conferencias do mércores 12 centraranse na análise dos traballadores maiores na Unión Europea e nas diferenzas de xénero abordando a súa relación co emprego, a diferenciación salarial e a conciliación da vida laboral e familiar.
No transcurso da última xornada do curso a profesora da USC María Bastida falará sobre os empregos tradicionais e do século XXI e, deseguido, debaterase sobre cómo mellorar as cifras e a calidade do emprego nunha mesa redonda coa que se clausurará o encontro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.06.2007.