O xurado do Certame de Literatura en Lingua Castelá '150 Aniversario Facultade de Farmacia' decidiu os gañadores entre 49 obras presentadas
O xurado do Certame de Literatura en Lingua Castelá ‘150 Aniversario Facultade de Farmacia’ decidiu este mércores premiar a Francisco Javier Pérez Fernández na modalidade de verso pola súa obra Ofrenda, e a Daniel Barbazán Turnes, na modalidade de relato, pola súa obra No puede ser tan complicado. Ao certame concorreron un total de 49 obras, 17 na modalidade de poesía e 27 na de relato curto, sendo excluídas cinco por defectos de forma.
O gañador do premio de poesía, Francisco Javier Pérez Fernández, reside en León e é un coñecido escritor e periodista galardoado con numerosos premios tanto de poesía como de relato, entre os que destaca o ‘Azorín de novela’ en 2006 e o de Relatos Anxel Fole no mesmo ano.
Daniel Barbazán Turnes, gañador do premio de relato curto, reside en Negreira e estuda Enxeñaría Informática na Universidade de A Coruña. Actualmente realiza o proxecto de fin de carreira sobre a implementación dun método de inicialización de pesos de redes de neuronas artificiais e integración na ferramenta Neurosolutions.
O xurado do certame, presidido polo decano da Facultade, José Miñones, estivo formado polos profesores da USC Darío Villanueva Prieto, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura comparada e membro electo da Real Academia Española; José M. González Herrán, catedrático de Literatura Española; Alejandro Gómez-Ulla Álvarez, profesor de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica; e Alfonso Castiñeiras, que actuou como secretario. Os premios entregaranse en xaneiro no mesmo acto que os galardóns do Certame de Debuxo e pintura.
Certame de Literatura en Lingua GalegaNos vindeiros días, e como broche de ouro para rematar os actos conmemorativos dos 150 Anos da creación da Facultade de Farmacia da USC, vaise a convocar un Certame de Literatura en Lingua Galega nas modalidades de verso e relato. Os gañadores daranse a coñecer no mes de febreiro coincidindo co acto de presentación do libro que recollerá un compendio de todos os actos que se celebraron ao longo do ano 2007.