Pasar al contenido principal
STG

As cociñas, improvisados laboratorios de Termodinámica Aplicada

Imaxes e resultados das prácticas realizadas polo alumnado nos seus fogares
Imaxes e resultados das prácticas realizadas polo alumnado nos seus fogares
O viño tinto e os móbiles, protagonistas das prácticas de laboratorio desenvolvidas nas súas casas polo alumnado do Grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais na Facultade de Ciencias baixo a titoría do profesor Wajih Al-Soufi
Lugo

A necesidade agudiza o enxeño, segundo reza un dito popular cuxa validez foi posta a proba en máis dunha ocasión durante estes meses de confinamento para acadar os obxectivos programados nunha situación de excepcionalidade provocada por un coronavirus descoñecido que, en maior ou menor medida, tocou a rebato e mandou parar. Un exemplo de caso de superación é o que veñen de protagonizar durante as últimas semanas os 23 estudantes que están a cursar a materia Termodinámica Aplicada do Grao en Enxeñaría Química Industrial na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, mozas e mozos que, baixo a titoría do profesor Wajih Al-Soufi, non dubidaron en converter as cociñas dos seus respectivos fogares en laboratorios improvisados, pero suficientemente dotados para acadar resultados didácticos con máximo rigor.

O impacto da COVID-19 no ensino foi maiúsculo, non tanto polo número de estudantes infectados por esta patoloxía, senón polo cambio radical que implica a teleformación nun sistema educativo asentado sobre a convivencia cotiá de docentes e alumnos en aulas e laboratorios, unha relación que de socato, quedou interrompida. Esta nova realidade, á que nos convidan a asumir como normal a fin de minimizar riscos e garantir así a saúde pública, canalizou os procesos ensino-aprendizaxe cara a formación en liña, unha alternativa ata o momento pouco explorada, a pesar da existencia de recursos e ferramentas e-learning, pero viable, cando menos na transmisión de conceptos e coñecementos teóricos.

A formación de carácter experimental e as prácticas de laboratorio, un capítulo importante cando non esencial na bagaxe e no currículo do alumnado de enxeñaría, son fariña doutro costal, aínda que tampouco constitúen obstáculos insuperables, como ben demostrou o tamén integrante do grupo de innovación docente XuvenCiencia. Daquela, este docente, comprometido co seu alumnado e ilusionado coa posibilidade de habilitar modestos laboratorios nos seus fogares, deseñou unhas detalladas fichas didácticas, a través das que, axudados de viño tinto e dos seus móbiles, os estudantes puideron completar con éxito 12 horas de prácticas, un período de formación durante o que tamén gozaron de titoría a través de Teams.

As instrucións achegadas polo responsable das prácticas da materia de Termodinámica Aplicada permitiron ao alumnado deseñar durante catro tardes un fotómetro de dobre feixe cos seus móbiles e outro material que tiñan na casa para medir a isoterma de adsorción do viño tinto sobre papel de cociña como adsorbente. De seguido e, despois de calibrar cunha serie de dilución do viño o fotómetro ‘doméstico’ de dobre feixe de luz construído cun móbil, unha lámpada flexo o unha pantalla de ordenador como fonte de luz e vasos de auga como cubetas, o alumnado estudou a capacidade dun adsorbente de extraer o colorante das disolucións do viño.

A falta de medios profesionais na casa tamén esixiu un esforzo engadido ao alumnado, que tivo que tirar de imaxinación para improvisar o equipo de medida, unha forma de aprender facendo que redundou incluso nunha mellor comprensión dos fundamentos e detalles da técnica de espectroscopia empregada, segundo sinala o Wajih Al-Soufi. Este profesor da área de Química Física da USC na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo comentou asemade que a maioría do alumnado obtivo bos datos experimentais. Estes resultados, engade, permitiron ao alumnado realizar a mesma análise de datos e chegar ás mesmas conclusións que se obteñen no laboratorio da súa facultade.

Unha iniciativa pioneira

A iniciativa pioneira de prácticas na casa foi moi ben acollida polo alumando e resultou ser todo un éxito, segundo recoñece o profesor titor. Este docente precisou que a avaliación destas tarefas, a través de preguntas, problemas de cálculo e cos informes diarios entregados polo alumnado entre o 27 e o 30 de abril, datas nas que desenvolveron as prácticas, demostran que esta innovadora experiencia permitiu aos seus protagonistas adquirir os coñecementos cun nivel de comprensión óptimo.

Satisfeito pola implicación do alumnado nesta experiencia innovadora, Wajih Al-Soufi traballa xa na elaboración dun artigo para a revista Journal of Chemical Education, unha publicación a través da que pretende dar conta das posibilidades reais de improvisar laboratorios domésticos para fins docentes e da precisión dos resultados acadados. Este investigador do Campus de Lugo adiantou tamén a intención do grupo XuvenCiencia de estender este concepto a experimentos orientados a estudantes de ensino secundario e a través do que poderán medir o pH de diferentes produtos caseiros ou, entre outras pescudas, determinar o contido de clorofila en plantas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2020.