Pasar al contenido principal
STG

A Comisión Europea financia probas preclínicas en animais no desenvolvemento da vacina contra a COVID-19

O equipo galego liderado por Martínez Costas traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19. FOTO: Santi Alvite
O equipo galego liderado por Martínez Costas traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19. FOTO: Santi Alvite
O grupo que dirixe o profesor da USC José Martínez Costas prevé que esta fase poda iniciarse no prazo dun ou dous meses para, a continuación, dar o salto aos ensaios clínicos
Santiago de Compostela

O grupo que dirixe o profesor da USC José Martínez Costas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), entra nunha nova  fase de investigación para o desenvolvemento dunha vacina contra a COVID-19. A Comisión Europea acaba de concederlle financiamento específico para a realización de probas preclínicas moi completas en animais de experimentación que permitirán, se os resultados son satisfactorios,  “chegar ata a fase clínica de ensaios en humanos”, sostén Martínez Costas. Esta investigación está a levarse a cabo en colaboración co grupo de Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidade Animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (CISA-INIA).

O  camiño na procura dunha vacina contra a  COVID-19, iniciado a comezos de abril ao amparo do Instituto de Saúde Carlos III, amplíase agora grazas ao financiamento da Comisión Europea. “Un importante impulso ao noso traballo, sen dúbida, ao que se suma tamén o financiamento privado que obtivemos do Banco Santander e a asociación CRUE Universidades españolas, en colaboración tamén co grupo de Luis  Enjuanes e Isabel Sola do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC)", continúa o profesor da USC.

Activar a inmunidade

O equipo galego traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC,  que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo. Esta liña de traballo, como explica o Profesor Martínez Costas, permite producir vacinas contra calquera patóxeno. “Facemos que células de calquera orixe fabriquen  microesferas e introduzan dentro delas os  antíxenos  víricos”. Estas partículas “purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular ao sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune adoita estar debilitado”, argumenta o investigador. Durante estes meses, “fixemos varias versións das microesferas. Agora imos caracterizalas utilizando soros de pacientes que nos foron cedidos dende o  HULA”, engade.

O equipo da USC traballa na xeración da vacina, mentres que o ensaio en animais levarase a cabo no Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA) de Valdeolmos e no centro alemán especializado en investigación de infeccións HZI. Unha fase agora posible grazas ao financiamento da Comisión Europea que “nos levará á seguinte fase de probas clínicas, se os resultados son satisfactorios, o cal constitúe un importantísimo avance”, segundo o investigador. "Mentres se desenvolvan estes ensaios iremos facendo probas alternativas nos laboratorios do CISA-INIA e desenvolvendo outras posibles versións do preparado vacinal”, conclúe Martínez Costas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.