Fondo pesar na USC polo pasamento do profesor José Luis Gómez Amoza
A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento do catedrático e director do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, José Luis Gómez Amoza. Licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Amoza iniciou a súa carreira investigadora en 1982. Ao ano seguinte, comezou a súa carreira docente como profesor axudante de clases prácticas no mesmo departamento do que logo sería director, continuando como profesor colaborador (1986-1987), profesor titular (1987), ata que finalmente foi nomeado catedrático en 2012.
Impartiu a meirande parte da súa docencia na licenciatura e no grao de Farmacia e no mestrado de I+D de Medicamentos, “nos que estaba moi ben considerado entre os seus alumnos”, explica o decano da Facultade de Farmacia, Francisco Otero Espinar. Formou a un número importante de investigadores que actualmente desenvolven a súa actividade en diferentes universidades e na industria farmacéutica. Nestes anos, desempeñou diferentes postos de xestión universitaria sendo secretario e posteriormente director do Instituto de Farmacia Industrial.
Na actualidade, Gómez Amoza era coordinador do grupo de investigación de referencia competitiva da USC ‘I+D en formas de dosificación e sistemas de liberación de medicamentos’. “A Facultade de Farmacia e a Universidade perden un excelente docente e unha gran persoa”, subliñou o decano do centro.