Pasar al contenido principal
STG

Un estudo constata a través de modelos matemáticos a boa saúde da convivencia entre o catalán e o castelán en Cataluña

De arriba a abaixo e de esqueda a dereita, Jorge Mira, Henrique Monteagudo, Luís F. Seoane e Xaquín Loredo
De arriba a abaixo e de esqueda a dereita, Jorge Mira, Henrique Monteagudo, Luís F. Seoane e Xaquín Loredo
A investigación na que participan os catedráticos da USC Jorge Mira e Henrique Monteagudo prevé que o castelán podería acabar impoñéndose en Barcelona e a súa área de influencia
Lugo, Santiago de Compostela

Un equipo interdisciplinar no que participan os catedráticos da USC Jorge Mira e Henrique Monteagudo, acaba de publicar na revista Palgrave Communications, do grupo editorial Nature, un estudo baseado nun século de convivencia lingüística entre o catalán e o castelán en Cataluña. Os modelos matemáticos empregados na investigación suxiren que o castelán seguirá gañando falantes pouco a pouco, malia que a convivencia entre ambas as dúas linguas goza na actualidade de boa saúde. Neste senso e baixo condicións de polarización extrema entre os diferentes grupos, monolingües de cada idioma e bilingües, os autores afirman que o modelo prevé que o castelán se imporía en Barcelona e a súa área de influencia mentres que o catalán faría o propio no resto de Cataluña.

Xunto a Mira, catedrático de Física Aplicada, e Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega, ambos os dous académicos da RAG, toman parte nesta investigación o físico Luís F. Seoane, primeiro autor do artigo, pertencente á Universitat Pompeu Fabra e do Instituto de Física Interdisciplinar e Sistemas Complexos da Universitat de les Illes Balears e CSIC, así como o sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo. O traballo agregou as fontes de datos máis extensas e recentes do Institut d’Estadística de Catalunya para comprobar, mediante modelos e técnicas matemáticas, se a coexistencia futura entre ambas as dúas linguas pode ser estable. Con todo, a investigación conclúe que “os dous idiomas convivirán dun xeito estable a longo prazo, aínda que o castelán tenderá a gañar terreo”, destacan os autores.

O estudo foi elaborado baseándose na evolución do uso das dúas linguas en Cataluña ao longo do último século. Porén, de producirse algunha situación que alterase o escenario sociolingüístico de forma drástica —como podería ser o caso da independencia de Cataluña, que a zona se vise afectada por grandes migracións, ou que se aplicasen políticas lingüísticas excesivamente agresivas en calquera sentido— o modelo podería perder o seu poder preditivo.

A investigación apunta que a coexistencia entre o catalán e o español sería posible baixo un abano amplo de circunstancias analizadas, malia que na meirande parte delas se obtén certo predominio do castelán. Un paso intermedio do estudo implicou medir dous parámetros que achegan, segundo a percepción dos falantes, o prestixio de cada unha das linguas e canto parecido gardan entre si.

O castelán gaña prestixio

“A sorpresa xurdiu ao estudar os datos de Barcelona e a súa área metropolitana separados dos do resto de Cataluña”, sinalan os autores. “Mentres que na cidade condal ambas as dúas linguas se perciben cun prestixio similar, no resto de Cataluña o prestixio percibido é maior para o castelán, pese á presenza dominante do monolingüísmo catalán” subliñan. “Este maior prestixio do español propiciou un certo declive histórico do catalán na meirande parte do territorio”. Por contraposición, as opcións monolingües en catalán e castelán seguen traxectorias parellas en Barcelona e a súa área de influencia, mentres que o bilingüismo tende a aumentar década tras década. A investigación conclúe ademais que os falantes de Barcelona e arredores perciben os dous idiomas como máis similares.

Os modelos matemáticos empregados permiten tratar de predicir como podería cambiar durante os próximos anos a proporción de falantes en cada un dos tres grupos lingüísticos (monolingües de cada idioma e bilingües). Estas proxeccións suxiren que o castelán seguirá gañando falantes pouco a pouco. Así e todo, o resultado da maior parte delas mostra que sería viable a coexistencia das dúas linguas ao longo de varias xeracións. Baixo condicións de polarización extrema entre os diferentes grupos, o modelo prevé que o castelán se imporía en Barcelona e a súa área de influencia mentres que o catalán faría o propio no resto de Cataluña. Neste senso, a aínda gran base de monolingüismo en catalán fóra de Barcelona sería capaz de sobreporse ao maior prestixio que estes falantes perciben no castelán.

A figura mostra como as variacións do números de falantes ao longo do tempo son reproducidas polo modelo matemático

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2019.