Pasar al contenido principal
STG

O Museo de Historia Natural incorpora 4.000 exemplares de especies de escaravellos emblemáticos da fauna galega

Esta colección comprende máis de 4000 exemplares
Esta colección comprende máis de 4000 exemplares
A colección entomolóxica, obra de Julio Andrade Malde, está centrada no ‘Carabus galicianus Gory, 1839’
Santiago de Compostela

O Museo de Historia Natural (MHN) da USC acaba de recibir a doazón dunha importante colección entomolóxica, obra de Julio Andrade Malde, quen dedicou toda unha vida ao estudo dos carábidos, entre eles, o Carabus galicianus Gory, 1839. Esta colección que comprende máis de 4000 exemplares, “é moi valiosa polo seu carácter monográfico, estando moi ben representada a fauna galega e tamén interesantes exemplares da fauna mundial deste grupo”, tal e como sinalan dende o MHN.

Este Museo da USC, nos seus 180 anos de historia, reuniu un importante patrimonio científico, que “é en gran parte o resultado das xenerosas doazóns de moitos cidadáns e sobre todo de naturalistas afeccionados e profesionais que non dubidaron en doar xenerosamente á nosa institución o froito dunha vida dedicada ao estudo da natureza”, apuntan dende o MHN.

Nos últimos anos, o Museo enriqueceu o seu patrimonio con importantes coleccións científicas xeolóxicas, botánicas e zoolóxicas, o que supón un gran desafío para a institución de cara á súa catalogación, conservación e posta a disposición do público e da comunidade investigadora. Nos últimos meses, o Museo recibe continuas consultas de naturalistas e cidadáns que estudan a posibilidade de realizar novas doazóns.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2024.