O IV Congreso Internacional Performa reúne entre o 27 e o 29 de novembro a máis de corenta voces expertas no eido teatral

O IV Congreso Internacional Performa desenvolverase entre o 27 e o 29 de novembro no Colexio Maior Fonseca e na Facultade de Filoloxía da USC, congregando a máis de corenta voces expertas do eido teatral, tanto do ámbito académico como profesional. Nesta edición, o foro desenvólvese baixo o lema ‘Novos espazos/Novos formatos no teatro español actual’.
O dramaturgo José Sanchis Sinisterra ou o performer Marcel-lí Antúnez, fundador do colectivo La Fura dels Baus nos oitenta son algunhas das persoas que tomarán parte neste congreso. O foro bota a andar este mércores 27, ás 10.00 horas, no Colexio Maior Fonseca coas conferencias plenarias inaugurais, logo da presentación que levará a cabo o profesor da USC Anxo Abuín.
O teatro alternativo, o concepto de mediación cultural, a disolución da fronteira entre as artes e a busca de novos espazos xeradores de discurso na danza, ou as performance na rúa, no teatro, no museo, nas festas patronais son tan só algunhas das cuestións que se abordarán. O congreso é aberto a quen queira asistir, mais para obter un diploma acreditativo cómpre matricularse a través do correo performagrupo [at] gmail.com (performagrupo[at]gmail[dot]com).
O proxecto de Investigación ‘Performa. El teatro fuera del teatro. Performatividades contemporáneas en la era digital (FFI2015-63746-P) (2016-2019)’, no que se enmarca este foro, foi financiado cunha axuda do Ministerio de Economía e Competitividade e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) correspondente ao marco financeiro plurianual 2014-2020. Nel participan o Departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, a Universidad Carlos III de Madrid e Lla-Creatis da Université Jean Jaurès de Toulouse.