A obra Nai de Miguel Cavadas Docampo, gaña o primeiro premio do Concurso literario ‘Mazarelos’

Das trinta e seis propostas presentadas, o xurado da quinta edición do Concurso literario ‘ Mazarelos’ acaba de outorgar por unanimidade o primeiro premio á obra Nai de Miguel Cavadas Docampo. O xurado integrado polas escritoras Inma López Silva, Arancha Nogueira e Estíbaliz Espinosa, e os profesores Ramón Mariño e Teresa Amado valorou que o autor “constrúe un texto de xeito audaz, ben trabado e cohesionado, unha ollada descarada e subversiva tanto cara á maternidade como cara á identidade de xénero”.
O segundo premio, por maioría, foi para Dous gatos a discutir a autenticidade do rato, de María Caíña Hurtado, que para o xurado “ sobrancea pola súa orixinalidade, sobre todo, formal e a súa vontade de crítica social a través do xogo metapoético”. Finalmente, o xurado outorgoulle por unanimidade o terceiro premio ao texto Formas de determinación, presentado por Paula María García Pardavila. O xurado destacou a súa “ollada potente cara ao mundo, que logra poemas e imaxes suxestivas, evocadoras alén de fiar un discurso que combina o cotián, o filosófico e o existencial”.
Os galardóns están dotados con 700, 400 e 200 euros, respectivamente, e cadanseus diplomas honoríficos. A entrega de premios desenvolverase no mes de decembro nunha gala que terá lugar na Facultade de Filoloxía e durante a cal se dará lectura ás obras premiadas.
Por outra banda, o xurado recomenda expresamente na acta de resolución, que nas vindeiras edicións se establezan dúas categorías diferenciadas, relato e poesía, pola dificultade que entraña valorar textos de dous xéneros e códigos distintos dentro da mesma categoría. Organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía. o Concurso literario ‘Mazarelos’ busca fomentar a creatividade da mocidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión escrita e literaria, así como contribuír a descubrir potenciais valores deste eido da cultura.
A acta do xurado, así como toda a información sobre este concurso e as anteriores edicións pódese consultar na web do SNL.