Pasar al contenido principal

Este portal utiliza cookies propias o de terceros con fines analíticos, así como enlaces a portales de terceros para poder compartir contenido en las redes sociales. Puede obtener más información en la política de cookies.

STG

As actividades de desconexión tiveron un efecto mínimo na saúde psicolóxica do alumnado durante o confinamento

En concreto, promover habilidades de re encadre e rutinas saudables serían formas potencialmente útiles para desenvolver actitudes resilientes. FOTO: Santi Alvite
En concreto, promover habilidades de re encadre e rutinas saudables serían formas potencialmente útiles para desenvolver actitudes resilientes. FOTO: Santi Alvite
Un equipo de investigadoras da USC constatou a través de preto dun milleiro de enquisas que a aceptación e a reformulación positiva da situación, xunto cunha saudable vida diaria, foron as mellores ferramentas para combater psicoloxicamente a primeira vaga da pandemia por mor da COVID-19
Santiago de Compostela

A través dunha enquisa en liña na que participaron 932 estudantes, un equipo de investigadoras da USC detectou que, na contorna específica das semanas de confinamento estrito por mor da COVID-19, as estratexias de afrontamento que contribuíron cunha maior eficacia a mitigar o impacto psicolóxico do estrés, foron as relacionadas coa aceptación da natureza incontrolable da crise. O estudo constata que enfocarse especialmente nos aspectos positivos da corentena e tratar de tomar medidas para cambiar o que era controlable, así como o establecemento dunha estrutura saudable na vida diaria, foron factores clave á hora de xestionar con eficiencia a pandemia. Asemade, os achados suxiren que investir o tempo en actividades de desconexión ou distracción tivo un efecto mínimo na saúde psicolóxica, e que centrarse nos demais para pedir apoio ou ofrecer axuda mesmo puido incrementar a sintomatoloxía ansióxena.

O equipo de investigadoras da USC, coordinado por Isabel Fraga, profesora do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, identificou a interacción complexa entre os principais estresores aos que estivo exposto o alumnado da Universidade durante as primeiras semanas da pandemia. Tamén se analizaron os esforzos realizados por estes para enfrontar as condicións estresantes, e diferentes indicadores de saúde e de benestar mental; nomeadamente, ansiedade, irritabilidade, depresión, e cambios na saúde mental percibida.

Os resultados deste estudo recóllense no artigo ‘A Study on the Psychological Wound of COVID-19 in Univer- sity Students’, recentemente publicado no número especial Coronavirus Disease (COVID-19): Psychological Reactions to the Pandemic de Frontiers in Psychology. “As estratexias de afrontamento xorden como accións pro activas que poden afectar substancialmente á vivencia da crise, abrindo camiños para a inoculación psicolóxica no medio da pandemia da COVID-19”, constatan as investigadoras. En concreto, promover habilidades de re encadre e rutinas saudables serían formas potencialmente útiles para desenvolver actitudes resilientes entre o estudantado universitario, incluso en situacións de grande incerteza e ante a ausencia de referencias temporais externas.

O proxecto COnVIDa-20

Este estudo forma parte do proxecto “COnVIDa-20”, que xurdiu co obxectivo de axudar a comprender o impacto das medidas de confinamento e de distanciamento social derivadas da pandemia na saúde e benestar dos estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Rexistrado na World Pandemic Research Network (WPRN), os seus principais achados foron presentados no ciclo de videoconferencias sobre a COVID-19 promovido polo Campus da Cidadanía da USC, accesible nesta ligazón. A seguinte fase do estudo centrarase en afondar nas diferenzas de xénero da experiencia psicolóxica do confinamento e no potencial efecto buffer ou amortecedor do apoio social percibido sobre a saúde mental.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2021.