Pasar al contenido principal
STG

Química impulsa un certame de vídeos divulgativos en galego

Cartel do certame
Cartel do certame
O prazo para tomar parte no certame organizado dende a Comisión de Normalización Lingüística do centro, permanece aberto ata o 24 de abril
Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC convoca a primeira edición do concurso de vídeos divulgativos sobre a química sostible en galego e aberto a toda a comunidade universitaria. A meta deste certame é poñer de manifesto a naturalidade da expresión dos contidos científicos en lingua galega, e máis especificamente, divulgar en galego as achegas da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. O prazo para tomar parte no certame permanece aberto ata o 24 de abril.

“Un dos máis graves problemas actuais para a humanidade é o cambio climático”, explican dende a organización do certame. “A Universidade preséntase como un lugar idóneo para loitar contra o cambio climático e, cando menos, minimizar as súas consecuencias máis graves, grazas non só ás mudanzas nas nosas condutas senón tamén con ideas innovadoras”, engaden. “A química sostible persegue reducir a contaminación por substancias nocivas para a saúde e para o medio, sen mingua das vantaxes sociais que achega a actividade química. Ata agora os seus maiores éxitos conseguíronse nas industrias de química fina e farmacéutica. Mais o reto é na actualidade moito máis amplo: evitar en orixe calquera tipo de contaminación e risco”, afirman.

Galardóns

Para participar no certame cómpre presentar, a través dunha canle de Youtube, un vídeo inédito, dun máximo de tres minutos, cun enfoque libre, en lingua galega, sobre unha achega concreta da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. Valoraranse especialmente aquelas pezas que presenten posibles solucións para contribuír a combater o cambio climático. Poderanse conceder tres premios por valor de 400, 300 e 200 euros. Nos vídeos valorarase a corrección nos contidos científicos, a calidade lingüística, a eficacia comunicativa e a calidade técnica. A entrega de premios desenvolverase o 18 de maio de 2021 nun acto público na Facultade de Química.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2021.