Pasar al contenido principal
STG

Mantense aberta a inscrición nos cursos da Universidade de Verán 2021

A oferta desta edición inclúe 31 cursos, seminarios e encontros. FOTO: Santi Alvite
A oferta desta edición inclúe 31 cursos, seminarios e encontros. FOTO: Santi Alvite
As 31 accións formativas ofertadas desenvolveranse nos Campus de Santiago e Lugo, así como nos concellos de Allariz, Guitiriz, Lalín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Taramundi e Triacastela
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Verán da USC mantén aberto o prazo de inscrición na súa oferta formativa logo da suspensión sufrida en 2020, por primeira vez en máis de 30 anos, por mor da COVID-19. A oferta desta edición inclúe 31 cursos, seminarios e encontros nos Campus de Santiago e Lugo, así como nos concellos de Allariz, Guitiriz, Lalín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Taramundi e Triacastela con duracións que van dos dous aos cinco días entre os meses de xuño a setembro e que contan con recoñecemento en créditos ECTS.

Reflexións sobre o cambio climático, o desenvolvemento sostible, o patrimonio natural, a identidade xenética e sociocultural, a igualdade, a discapacidade, as enerxías renovables ou a economía circular serán algunhas das cuestións abordadas na Universidade de Verán 2021. Asemade, prestarase atención á análise avanzada de textos e a figuras sobranceiras como é o caso de Concepción Arenal ou Álvaro Cunqueiro. A presentación de técnicas aplicadas en medicina, enfermaría, cartografía, análise de datos e enxeñarías; ou achegas ao mundo da Química, dos servizos sanitarios, das Matemáticas, dos dereitos do consumidor ou da interpretación dos deseños infantís, nutren tamén a oferta de cursos que de desenvolverán nos vindeiros meses.

Matrícula

A inscrición pode realizarse en liña, directamente nesta páxina web, premendo sobre o botón ‘Matricúlate’ do curso desexado; de xeito presencial, ou por teléfono no caso da imposibilidade de facer a inscrición por outros procedementos. O prazo de matrícula pecharase dez días antes do inicio de cada curso. As dúbidas poden consultarse no enderezo cursosdeveran [at] usc.es (cursosdeveran[at]usc[dot]es). A información completa de matrícula atópase dispoñible nesta ligazón.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.05.2021.