Pasar al contenido principal
STG

Un novo Plan fortalece o compromiso da USC coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

O Plan estruturado en 85 accións específicas, nace como froito dun amplo consenso  participativo e do compromiso de inclusión dos colectivos da comunidade universitaria. FOTO: Santi Alvite
O Plan estruturado en 85 accións específicas, nace como froito dun amplo consenso participativo e do compromiso de inclusión dos colectivos da comunidade universitaria. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno celebrado este venres aprobou asemade o acordo de prestación de servizos na modalidade de teletraballo para o PAS da Universidade
Lugo, Santiago de Compostela

O compromiso co principio de igualdade conforma un dos piares do modelo de responsabilidade social da USC. Partindo desta premisa, o Consello de Goberno aprobou este venres o III Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC (2021-2024) co que a institución quere reforzar o seu compromiso coa igualdade de xénero en seis áreas concretas: cultura institucional; docencia, investigación e transferencia; presenza, promoción e representación; conciliación corresponsable; acoso e violencia de xénero; e condicións sociosanitarias no traballo.

O Plan estruturado en 85 accións específicas, nace como froito dun amplo consenso  participativo e do compromiso de inclusión dos colectivos da comunidade universitaria,  de maneira que se teñan en conta as súas necesidades e características.  O documento aspira a fortalecer o compromiso institucional coa igualdade; potenciar a cultura e  compromiso coa  igualdade na comunidade universitaria; e promover a introdución  da  perspectiva de xénero na docencia, investigación e transferencia da USC.

Asemade, o documento quere promover a igualdade de oportunidades na traxectoria   profesional, así como o equilibrio na presenza de alumnas e alumnos nas titulacións e a igualdade de oportunidades na inserción laboral. Acadar a participación e a   representación equilibrada nos diferentes órganos e niveis de toma de decisións; facer     valer o dereito á conciliación e  fomentar a corresponsabilidade; detectar e combater as situacións de acoso na USC; e impulsar a perspectiva de xénero na prevención dos riscos laborais completan a listaxe de obxectivos que vertebran o Plan que acaba de ver a luz.

Teletraballo

O acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo no ámbito do Persoal de Administración e Servizos (PAS) foi outro dos puntos aprobados na reunión deste venres, froito dun proceso de negociación cos representantes dos traballadores e traballadoras. Os avances no ámbito das tecnoloxías posibilitaron que o teletraballo se constituíse nun modelo laboral tecnicamente viable para o sector público que ten beneficios sociais na medida en que fomenta a conciliación da vida laboral e familiar, pero tamén contribúe á eficiencia da Administración e pode traducirse nunha mellora da produtividade.

A Xerencia e os representantes do PAS negociaron a finais de 2018 un programa experimental para a implantación do teletraballo. A declaración do estado de alarma o 14 de marzo de 2020, derivada da crise sanitaria pola COVID-19, e a obrigatoriedade, primeiro, e a preferencia durante varios meses polo traballo non presencial nas actividades declaradas non esenciais, contribuíu a que o tecido empresarial, as diferentes administracións públicas e, entre elas, a USC, mudasen os seus procedementos implantándoos telematicamente de xeito íntegro, polo que se abriu a posibilidade de avanzar na extensión do programa experimental a outras unidades administrativas. Esta nova modalidade de carácter voluntario e reversible, á que agora se lle dá pulo, será complementaria da presencialidade, garantindo en todo caso a atención directa presencial.

CISPAC

A reunión deu asemade luz verde á creación do Centro de investigación interuniversitario das paisaxes atlánticas culturais (CISPAC) no que toman parte USC, UDC e UVigo. Este centro interuniversitario de nova xeración, que a USC pretende integrar na rede de centros singulares, ten  como  misión  a  investigación  sobre  as  paisaxes  dende  unha  perspectiva transdisciplinar,  na  procura  de  dar  respostas  epistémicas  aos  retos  contemporáneos,  para producir dende o coñecemento outra forma de ollar e traballar a paisaxe, o patrimonio e a produción, dende a identidade, a participación e sustentabilidade. Para a USC é un obxectivo prioritario converter este centro nunha referencia internacional para o desenvolvemento de investigación e reflexión crítica no seu ámbito de traballo. O seu emprazamento será o Edificio Fontán da Cidade da Cultura.

Seguridade e saúde no traballo

O valor das persoas é o eixe central da actividade preventiva, de aí a necesidade de garantir un nivel elevado na seguridade, saúde e benestar de todos/as promovendo a mellora das condicións nas que se desenvolven as actividades laborais, docentes, de estudo e de investigación. O documento sobre a Política de Seguridade e Saúde no Traballo aprobado este venres contempla a  consideración  da  prevención  de  riscos  como  un  requisito  imprescindible  para  acadar  a  calidade  na  actividade  universitaria,  incluíndo  o  respecto  ás  condicións  de  seguridade,  saúde  e  benestar  das  persoas  como  un  elemento  central da cultura da calidade.

Neste contexto, tamén se acadou un acordo sobre a xestión e control dos procesos de incapacidade temporal, as ausencias   por enfermidade ou accidente que non dean lugar a incapacidade temporal e a incorporación progresiva despois de tratamentos oncolóxicos, eido de actuación no que a USC non posuía unha regulamentación específica.

Axudas extraordinarias para o alumnado internacional

A USC consciente e sensible ante a existencia de alumnado internacional que está a atravesar unha situación de graves dificultades económicas e que poñen en perigo a continuidade dos seus estudos, considera necesario o establecemento dunha convocatoria de axudas extraordinarias, consonte os principios de equidade e xustiza social. Neste senso, o Consello Social financia cun fondo de 6.000 euros, a convocatoria de axudas extraordinarias para o estudantado internacional en situación sobrevida de extrema e urxente necesidade. As bases desta convocatoria foron tamén aprobadas polo Consello de Goberno.

IV Ciclo

O órgano colexiado aprobou este venres un novo Regulamento para o  Programa  Universitario  para  Maiores,  tamén  coñecido  como  IV  Ciclo e que está dirixido a maiores de 50 anos, que permita dotar dun marco de estabilidade necesario a este programa, tanto para a organización  das  actividades  docentes,  formativas  e  estudantís  como  para  a  planificación  e  funcionamento da súa xestión.

No capítulo relativo ao PDI, o Consello acometeu cambios de dedicación do profesorado, prórrogas de comisións de servizos, reposición de vacantes, así como a actualización da planificación de 2020 e  modificación da RPT derivada, alén da autorización para a cobertura interna de prazas para a estabilización de investigadores Ramón y Cajal. A aprobación de propostas e memorias de estudos propios, así como a modificación de réxime interno do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) foron outras das cuestións abordadas na reunión deste venres.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.05.2021.