Pasar al contenido principal
STG

O Campus Terra da USC, terceiro no reto ‘Un minuto con’ do certame para xoves emprendedores Explorer ‘Mozos con ideas’

Participantes na presente edición do Explorer Lugo USC Space
Participantes na presente edición do Explorer Lugo USC Space
A iniciativa impulsada por Santander Universidades e o Centro Internacional Santander Emprendemento rexistrou un total de 48 traballos audiovisuais de España e Portugal

O centro Explorer USC Lugo do Campus Terra, un espazo do programa para mozos e mozas emprendedoras impulsado polo Centro Internacional Santander Emprendemento e Santander Universidades, vén de situarse en terceira posición no reto ‘Un minuto con’, a través da que os participantes inscritos na presente edición do programa deben presentarse con orixinalidade cunha peza audiovisual de non máis dun minuto de duración.

O vídeo elaborado por Explorer USC Lugo quedou en terceira posición detrás de Explorer Universidad de Murcia Space e Explorer San Sebastián Space. No traballo presentado dende o Campus Terra, os mozos e mozas participantes definen con creatividade e bo humor a natureza e o futuro dun emprendedor, conseguindo deste xeito que o resto de participantes inscritos valorasen positivamente o seu traballo converténdoos nos terceiros máis votados dun total de 47 vídeos presentados polos centros españois, ademais dun vídeo elaborado pola Universidade de Coimbra.

O Programa Explorer, antes coñecido como Programa Yuzz, leva dous anos implantado no Campus Terra da USC e a súa coordinadora, Patricia González, amósase altamente satisfeita co traballo desenvolvido polos mozos e mozas participantes, un elenco de 23 potenciais emprendedores e emprendedoras que na presente edición impulsan 13 proxectos de emprendemento diferentes.

O Explorer USC Lugo Space está ubicad o na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra e conta co apoio da Secretaría Xeral de Emprego dependente da Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia. As actividades deste centro Space intégranse no programa de emprendemento da USC que conta como principais axentes á Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, con sede local no Edificio Cactus do campus e á Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais, UNINOVA, Incubadora da USC.

O programa Explorer ‘Mozos con ideas’ brinda de forma gratuíta nas súas sedes, entre as que se atopan os campus de Santiago e Lugo da USC) formación, apoio e mentoring a mozos e mozas de entre 18 a 31 anos que queiran desenvolver proxectos innovadores. Os autores das mellores propostas de emprendemento seleccionadas ao remate desta convocatoria recibirán como agasallo unha viaxe a Silicon Valley, ao tempo que tamén poderán optar a 60.000 euros en financiación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2018.