Pasar al contenido principal
STG

Mantense aberto o prazo para participar nos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero

Concederanse tres premios en cada unha das modalidades. FOTO: Santi Alvite
Concederanse tres premios en cada unha das modalidades. FOTO: Santi Alvite
A primeira modalidade céntrase nas accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia; mentres que a segunda valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento
Lugo, Santiago de Compostela

A USC convoca a duodécima edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación. Este certame, cuxo prazo de recepción de orixinais permanece aberto ata o vindeiro 10 de setembro, contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do Persoal Docente e Investigador (PDI) da USC. A primeira modalidade céntrase nas accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia; mentres que a segunda valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento.

Estes galardóns “constitúen unha das acción consolidadas das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da nosa actividade de xeración e difusión de coñecemento: a docencia e a investigación”, explican dende a Oficina de Igualdade de Xénero da USC. Ademais, esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea; e incluída na ferramenta en liña GEAR tool de apoio a organizacións investigadoras como as universidades, na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

Poderán  presentarse  á  convocatoria  traballos  que  recollan  as  experiencias  de introdución da perspectiva de xénero, xa realizadas por membros do PDI da USC, podendo resultar premiadas un máximo de seis experiencias, tres en cada modalidade. Na A, o contido debe tratar sobre unha experiencia educativa innovadora relativa á inclusión da perspectiva de xénero na docencia, realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. A experiencia terá que incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na Universidade e terase en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior. Pola súa parte, a modalidade B céntrase naqueles traballos de investigación desenvoltos nos últimos tres anos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e desenvolvemento da investigación, así como na publicación de resultados obtidos. Concederanse tres premios en cada unha das modalidades dotados, respectivamente, con 1.000, 750 e 500 euros. Esta duodécima edición conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, como entidade cofinanciadora. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.08.2021.