Pasar al contenido principal
STG

O VII certame de fotografía Ruth Matilda Anderson pon o foco no derrubamento dos estereotipos de xénero

O certame está dirixido a alumnado antigo e actual da USC, así como a todo o persoal da institución compostelá. FOTO: Santi Alvite
O certame está dirixido a alumnado antigo e actual da USC, así como a todo o persoal da institución compostelá. FOTO: Santi Alvite
Ata o vindeiro 10 de setembro, a comunidade universitaria da USC, así como antigos alumnos e alumnas, poderán participar neste certame que premiará a creatividade, a innovación e o impacto da imaxe
Lugo, Santiago de Compostela

Sacar á luz o labor historicamente invisibilizado que desenvolven as mulleres na sociedade e contribuír a deconstruír os estereotipos de xénero no relativo a traballos supostamente propios de mulleres ou homes é a meta sobre a que se asenta o certame de fotografía Ruth Matilda Anderson que neste 2021 chega á súa sétima edición. O prazo para participar nesta iniciativa manterase aberto ata o vindeiro 10 de setembro e a temática dos traballos presentados terá unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas —visibilización do traballo, mulleres e ciencia, ou rompendo estereotipos de xénero— premiándose a creatividade, innovación e o impacto da imaxe.

“Coa elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a este certame, lémbrase a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, e a súa destacable obra, na que se inclúe o retrato que Ruth Matilda fixo da muller galega dos anos 20”, explican dende a Oficina de Igualdade de Xénero da USC. O certame está dirixido a alumnado antigo e actual da USC, así como a todo o persoal da institución compostelá.

O formato das imaxes presentadas deberá ser dixital, cunha resolución mínima de 300 ppp, orientación horizontal, e tamaño A3 ou A4. O xurado seleccionará as doce fotografías de maior calidade técnico-artística sempre que se axusten á temática establecida na convocatoria. De entre estas, o xurado escollerá as tres mellores. O primeiro premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros, alén de que esta fotografía sexa a utilizada pola USC, como cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres no ano 2022. A persoa recoñecida co segundo premio recibirá 800 euros, e a que recolla o terceiro, gañará 500 euros. Ao importe de cada un destes premios aplicaráselle as retencións previstas na vixente lexislación tributaria. Se o xurado o estimase conveniente poderá deixar algún ou todos os premios desertos. Coas doce fotografías finalistas elaborarase un calendario. Esta iniciativa conta co apoio do Concello de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.08.2021.