Conferencia en Química de Xoana Pintos sobre as científicas descoñecidas
Como cada ano dende 2015, o 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha data que a USC celebra con diversos actos que buscan visibilizar o traballo das científicas e sacar do esquecemento as pioneiras da nosa universidade.
O primeiro deles vén da man do ciclo ‘Reactiva a túa Química’ que organiza regularmente a Facultade de Química, que dedica a esta temática a súa sesión deste mércores 14.
Será a doutora en Historia das Ciencias e das Técnicas pola USC Xoana Pintos, autora do traballo 'As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960', a encargada de pronunciar a conferencia ‘Non só Marie Curie’ na que detallará o importante e descoñecido papel das mulleres na ciencia. Ás 13.00 horas na Aula Magna do centro.