Pasar al contenido principal
STG

As candidaturas para o Foro de Inversión Innovatia 8.3 poden presentarse ata o 22 de setembro

Esta é unha convocatoria orientada á captación de financiamento por parte de empresas innovadoras lideradas por mulleres. FOTO: Santi Alvite
Esta é unha convocatoria orientada á captación de financiamento por parte de empresas innovadoras lideradas por mulleres. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa organizada pola USC e o Instituto de las Mujeres oriéntase á captación de financiamento por parte de empresas innovadoras lideradas por mulleres e creadas co apoio de universidades ou OPI
Lugo, Santiago de Compostela

A USC e o Instituto de las Mujeres organizan o Foro de Inversión Innovatia 8.3 orientado á captación de financiamento por parte de empresas innovadoras lideradas por mulleres e creadas co apoio das universidades ou organismos públicos de investigación (OPI). No marco do proxecto Innovatia 8.3, o evento celebrarase o vindeiro mes de outubro en formato presencial na sede do Ministerio de Igualdade en Madrid.

O Foro xorde da necesidade de apoiar a busca activa de financiación por parte daquelas empresas innovadoras impulsadas por mulleres e reforzar o traballo que as súas promotoras realizan para a transferencia ao mercado do seu coñecemento. A esta plataforma poderán acceder aquelas empresas con presenza maioritaria de mulleres no seu Consello de Dirección ou de Administración e que teñan sido creadas co apoio dalgunha das universidades españolas ou dos OPI. A presentación de candidaturas esténdese ata o próximo 22 de setembro a través do formulario de inscrición da web.

Innovatia 8.3 é un proxecto nado en 2011 da colaboración entre a USC e o Instituto de las Mujeres. A súa finalidade é introducir a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e na creación de empresas. O traballo realizado nestes 10 anos permitiu analizar, comprender e achegar ferramentas para corrixir os posibles nesgos de xénero no emprendemento universitario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.08.2021.