Pasar al contenido principal
STG

Asinado o acordo para o recoñecemento da antigüidade ao persoal investigador e de apoio á investigación da USC

A xuntanza desenvolveuse no CEA. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no CEA. FOTO: Santi Alvite
O acordo, que asinaron USC e representantes sindicais, recoñece a antigüidade con efectos dende o 1 de setembro e a súa aplicación de xeito gradual
Lugo, Santiago de Compostela

Dando continuidade a un acordo da Mesa Xeral do PAS e do PDI, USC e representantes do cadro de persoal da institución asinaron este martes un acordo para o recoñecemento da antigüidade ao persoal con contratos predoutorais e posdoutorais así como ao de Proxectos do capítulo VI (persoal contratado con cargo a proxectos de investigación). Deste xeito, o colectivo pasará a percibir o pago de retribucións por antigüidade (trienios) con efectos inmediatos se ben se establece un réxime transitorio que posibilita que as persoas incluídas neste colectivo que sumen máis de tres anos de contrato en calquera universidade ou administración pública poidan solicitar o abono deste complemento. A partir de xaneiro de 2022, con seis anos traballados ou máis percibirán o importe de dous trienios. En 2023 aboaranse ata tres trienios; en 2024, un total de catro; e a partir de 2025, todos os que correspondan.

“Entre todos fomos quen de atopar, apoiados no diálogo, unha solución para a realidade neste ámbito, tan singular e específica como é a da USC”, sinalou o reitor Antonio López. Asinaron o documento o xerente Javier Ferreira Fernández; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Investigación e Innovación; así como os representantes sindicais José Antonio Rodríguez Añón de CCOO, Óscar Rodil Marzábal de CIG-Ensino, María del Carmen Espiñeira Regueiro de CIG-PAS, Benjamín Rey Sanjurjo de UGT e Luís Alberto Gómez Segade de CSIF.

En palabras do xerente, Javier Ferreira, é un “recoñecemento laboral loxicamente razoable e merecido” que suporá un esforzo económico adicional á USC ante o que apelou á responsabilidade das institucións que financian os contratos orixinais, basicamente da administración do Estado e da Comunidade Autónoma a través das múltiples convocatorias de apoio á investigación e da formación do persoal investigador. Nesta liña, o pagamento farase de xeito gradual “para sermos quen de facer fronte a este esforzo orzamentario, polo que a súa aplicación será progresiva no marco das nosas limitacións orzamentarias”. Neste senso, Ferreira agradeceu a implicación e vontade negociadoras das distintas organizacións sindicais implicadas no proceso que tamén accederon a retirar a vía xudicial.

O acordo abrangue a persoal predoutoral  FPI, FPU e da Xunta, así como beneficiarios/as de contratos posdoutorais Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e da administración autonómica. Este acordo recolle tamén a posibilidade da súa aplicación a calquera outro persoal contratado pola Universidade compostelá sen marco regulatorio específico.

Persoal investigador

Esta medida representa un novo chanzo na xestión do persoal investigador na USC cando se cumpre un ano do acordo asinado coas organizacións sindicais con representación na USC para definir un novo marco laboral para o persoal investigador e de apoio á investigación. Coa súa sinatura, a de Santiago converteuse nunha das primeiras universidades do Estado que achega unha proposta máis alá do marco normativo xeral para regular a actual situación do persoal investigador con cargo a proxectos e que está aberta a futuros desenvolvementos que amplían o seu marco.

Ademais, dende 2017 a USC está recoñecida pola Comisión Europea coa acreditación HR Excellence in Research, superando en 2019 a revisión de seguimento desta acreditación que certifica o apoio á xeración dunhas condicións de traballo favorables e un ambiente motivador así como o compromiso de desenvolver unha carreira investigadora homologables cos estándares europeos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.05.2023.