Pasar al contenido principal
STG

A spin-off da USC Mestrelab Research recibe o Selo de Calidade da quinta edición dos Premios ‘Spin-Off PuntoGal’

Persoal da empresa Mestrelab Research. Foto: cortesía de Mestrelab.
Persoal da empresa Mestrelab Research. Foto: cortesía de Mestrelab.
Os galardóns buscan recoñecer a transferencia de coñecemento entre universidade e empresa e alentar o emprendemento dos grupos de investigación universitarios

O xurado da quinta edición dos Premios ‘Spin-Off PuntoGal’ decidiu por unanimidade conceder á empresa Mestrelab Research o Selo de Calidade, unha distinción que premia a traxectoria de prestixio de empresas innovadoras. Entre as razóns para a adxudicación do galardón, o xurado destacou o elevado nivel de internacionalización desta spin-off da USC, a súa capacidade para consolidar un modelo de negocio de éxito e a aposta polo talento local nun campo de actuación moi competitivo.

Nada en 2004 e con sede en Santiago de Compostela, a compañía Mestrelab Research constituíuse en poucos anos como unha das líderes mundiais no software especializado en investigación química. Os seus desenvolvementos tecnolóxicos son habitualmente empregados por empresas farmacolóxicas, químicas ou tecnolóxicas como Pfizer, BioNTech, AstraZeneca ou Moderna Therapeutics, Dow Chemical, Dupont, Bayer, Roche, Johnson & Johnson, ou Unilever, por boa parte das universidades máis prestixiosas na escala internacional e por reputados centros como o Massachusetts Institute of Technology (MIT).

Canda o labor desta compañía, os premios recoñeceron tamén o traballo da start-up viguesa Alice Biometrics, premiada na categoría de Idea Emerxente, e do grupo Laboratorio de Bases de Datos da UDC, no apartado de Grupos de Investigación. O xurado desta edición, integrado polas investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, xunto ao representante da Secretaría Xeral de Universidades,  Faustino Infante Roura, e a directora executiva da empresa Galchimia, Carme Pampín, salientou o elevado nivel das propostas presentadas e a extrema competencia dos grupos finalistas destes premios que buscan recoñecer a transferencia de coñecemento entre universidade e empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios.

En edicións anteriores, estes premios organizados polo dominio PuntoGal e o portal GCiencia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis, distinguiron o traballo doutras empresas e grupos desenvolvidos na USC como a empresa de innovación en produtos lácticos Innolact, o a firma especializada en xeoposicionamiento en interiores Situm Technologies.

O acto de entrega dos galardóns da quinta edición terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña coa presenza de representantes do ámbito institucional, académico e empresarial.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2021.