Pasar al contenido principal
STG
  • USC

O proxecto NeoGiANT da USC bota a andar cunha reunión do grupo de entidades socias en Compostela

Marta Lores é catedrática de Química Analítica da USC e responsable do proxecto NeoGIANT. Foto: Santi Alvite
Marta Lores é catedrática de Química Analítica da USC e responsable do proxecto NeoGIANT. Foto: Santi Alvite
Este proxecto internacional coordinado pola catedrática da USC Marta Lores recibiu do programa H2020 un financiamento superior aos oito millóns de euros

O Edificio do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS) acolle do 26 ao 27 de outubro a reunión de posta en marcha do proxecto internacional NeoGIANT (The power of grape extracts: antimicrobial and antioxidant properties to prevent the use of antibiotics in farmed animals), beneficiario do programa H2020 e liderado pola Universidade de Santiago. No encontro participan integrantes das 20 entidades que conforman o consorcio —entre as que se contan as universidades de Porto, Berlín e Bohemia do Sur, na República Checa—co obxecto de establecer a axenda de traballo do grupo para os próximos catro anos.

Coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC, Marta Lores, o proxecto NeoGIANT pretende desenvolver un conxunto de novos produtos para animais —alimentos, profilácticos e diluíntes de esperma— baseados en extractos naturais. Deste xeito, aspírase a  diminuír o uso de antibióticos na cría e substituír os conservantes sintéticos. Estes novos produtos levarán como ingrediente activo un extracto de bagazo de uva blanca (e-Vitis), obtido de Vitis vinifera, concretamente da variedade Albariño, mediante unha técnica de extracción sostible e patentada.

“A proposta baséase na valorización de residuos da industria vitivinícola (co-produtos) procedentes da produción de viños brancos de alta calidade que conservan, tras o proceso de vinificación, unha importante carga dos compostos bioactivos orixinalmente presentes na uva”, explica a profesora Lores. Co fin de obter un extracto multicompoñente listo para o seu uso dun modo eficiente e “verde”, aplícase unha metodoloxía alternativa á extracción convencional que é, ademais, facilmente escalable. Así obtéñense ingredientes funcionais en sistemas de produción sostibles que contribúen a implementar accións de economía circular no sector do viño. “O obxectivo último do proxecto é reducir a aparición de novas resistencias antimicrobianas e controlar mellor as resistencias antimicrobianas existentes no eido da cría e reprodución de animais destinados ao consumo humano”, sinala a responsable do proxecto.

Canda Marta Lores, o equipo da USC está formado polas investigadoras Carmen García Jares, Trini de Miguel, Sandra Sánchez, Patricia Díaz, Roberto Bermúdez e Maribel Quiroga. Ao longo do próximo ano, o persoal investigador do proxecto traballará na obtención de extractos bioactivos e na súa profunda caracterización química para coñecer en detalle as súas bioactividades. Ao tempo, desenvolverá probas para coñecer as súas propiedades bactericidas fronte a diferentes microorganismos e as formulacións máis axeitadas para a súa aplicación sobre peixes e otros animais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2021.