Pasar al contenido principal
STG

O III Certame de Videocreación do Campus de Lugo premiará con 1.200 euros as tres propostas máis valoradas

Imaxe do certame
Imaxe do certame
Os premios Isidro Novo e Araceli Herrero distinguirán a calidade literaria e de comunicación dos traballos, mentres que outro galardón recoñecerá a mellor linguaxe visual. O prazo de presentación das candidaturas remata o 22 de novembro
Lugo

A Área de Cultura do Campus de Lugo da USC aposta pola visibilidade das novas linguaxes coa convocatoria da terceira edición do certame de videocreación, unha iniciativa artística aberta á participación de todo o público interesado e dotada con tres premios en metálico por un importe global de 1.200 euros. As persoas interesadas en tomar parte nesta convocatoria poden xa formalizar a súa inscrición de balde, para o que deben cubrir o formulario habilitado na web www.lugocultural.es e remitilo logo ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es), a mesma dirección á que cómpre enviar as propostas inéditas e orixinais presentadas a concurso antes das 15.00 horas do venres 22 de novembro de 2021.

O III Certame de Videocreación, do mesmo xeito que nas edicións precedentes, constitúe unha das iniciativas promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, a través da que se pretende  a posta en valor e a canalización das inquedanzas creativas da mocidade, así como o recoñecemento das novas formas de manifestación e expresión nas que a literatura conflúe co audiovisual.

Alén da aposta por valorizar as novas linguaxes e formas de manifestación cultural, os promotores desta iniciativa de carácter pouco menos que experimental buscan tamén render unha homenaxe póstuma a Isidro Novo e a Araceli Herrero.  Daquela, o certame establece o Premio Isidro Novo, dotado con 400 euros en metálico, para a videocreación con mellor linguaxe literaria, unha categoría na que o xurado valorará os aspectos literarios da obra referentes ao guión e ao uso da linguaxe escrita ou oral.

O premio Araceli Herrero, que conta coa mesma dotación económica, distinguirá a proposta que mellor englobe todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes. O III Certame de Videocreación promovido desde o Campus de Lugo inclúe asemade un premio á creación con mellor linguaxe visual. A concesión deste galardón, dotado con 400 euros en metálico, terá en conta aspectos estéticos da obra referentes á imaxe, iluminación e dirección artística, así como a montaxe e edición visual de cada peza.

Os traballos presentados á terceira edición do Certame de Videocreación do Campus de Lugo da  USC deben ser inéditos e orixinais, segundo se recolle nas bases, que están accesibles web www.lugocultural.es. Cada obra pode ser realizada de maneira individual ou colectiva. No caso de que a  peza audiovisual sexa feita por un grupo, deberase indicar unha persoa a xeito de representante ou un nome colectivo que asine a súa autoría.

A duración máxima de cada proposta non poderá exceder de 5 minutos, incluídos os créditos. Todas as pezas deben incluír a cortina de inicio xa dispoñible na web www.lugocultural.gal. No caso de que a obra conteña linguaxe literaria oral ou escrita, o xurado valorará o emprego da lingua galega. Asemade, as videocreacións que inclúan música deberán acreditar a propiedade dos seus dereitos.

Unha vez resolto o fallo do xurado, a entrega dos premios do III Certame e Videocreación do Campus de Lugo desenvolverase o 20 de decembro no marco dun acto público que se celebrará ás 20.30 horas no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.11.2021.