Pasar al contenido principal
STG

O Premio Otero Pedrayo distingue a Rosario Álvarez pola súa achega á cultura galega

Rosario Álvarez
Rosario Álvarez recibe o premio Otero Pedrayo, promovido polas deputacións provinciais, xunto á pintora Menchu Lamas. Imaxe de arquivo
A catedrática da USC e directora do ILG entre os anos 2005 e 2013, recibe este galardón xunto á pintora Menchu Lamas
Santiago de Compostela

A catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da USC Rosario Álvarez acaba de ser distinguida co Premio Otero Pedrayo, un galardón instaurado en 1977 e que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións. Rosario Álvarez foi tamén directora do Instituto da Lingua Galega da USC (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974; é especialista en gramática e variación da lingua galega; e preside na actualidade o Consello da Cultura Galega (CCG). Álvarez recibe o premio Otero Pedrayo, promovido polas deputacións provinciais, xunto á pintora Menchu Lamas.

Traxectoria

Nada en Pontevedra o 12 de xullo de 1952, Rosario Álvarez foi tamén vicerreitora de Profesorado da USC (1990-1994) e directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999).  As súas liñas de investigación seguen tres eixos: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento.

É membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), coautora de dúas gramáticas do galego, e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. É directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora do proxecto ‘Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna’; no CCG é, ademais, responsable do proxecto ‘Gallaeciae Monumenta Historica’. Directora da revista Estudos de Lingüística Galega, a profesora Álvarez é membro da Real Academia Galega dende o ano 2003, con funcións de coordinadora do Seminario de Gramática (dende 2003), Tesoureira (2013-2017) e directora da Sección de Lingua (dende 2013).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2021.