Económicas homenaxea o “fondo compromiso” de Luis Caramés coa Universidade e co futuro de Galicia

Lembrar a traxectoria do profesor Luis Caramés finando en xuño deste ano, para renderlle tributo foi a meta do acto de homenaxe que este venres celebrou a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais “en recordo e agradecemento da súa traxectoria e amizade. A secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, presidiu a sesión na que tamén tomaron parte o decano da Facultade, Xoán Ramón Doldán; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio; Juan Carlos de Margarida, secretario xeral do Consello General de Economistas; e o capitán de navío e comandante-director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona Suanzes. Durante o acto, procedeuse á entrega da Medalla ao Mérito da Economía a título póstumo que foi recollida pola súa viúva Pilar Ferreño.
“A vinculación de Luis coa USC remóntase á súa vida de estudante”, explicou a secretaria xeral da USC na súa intervención. “A súa extensa traxectoria desenvolveuse nesta Facultade ata a súa xubilación. Foi unha carreira intensa e de éxito”, subliñou para despois facer fincapé no seu “fondo compromiso co futuro de Galicia do que é boa mostra o seu legado académico”. Caramés é un “referente para moitas xeracións de economistas, mestre no senso máis amplo da palabra”, destacou Dulce García Mella xa que “un non se vai de todo cando alguén o segue lembrando”.
Pola súa parte, o decano subliñou que o profesor Caramés deixou unha “forte pegada no noso centro e na USC, froito da súa dilatada carreira”. Xoán Ramón Doldán realizou un percorrido pola traxectoria do homenaxeado, subliñando que se tratou dunha das persoas do centro “con maior proxección”. Carmona Suanzes centrou a súa intervención no rol de docente de Caramés na Escola Naval Militar na que entrou en 1974. “Valoramos que xente como Luis que nos coñeceron, sexan despois os nosos valedores fronte á sociedade civil”, sinalou. A personalidade incisiva, irónica e aberta do homenaxeado foi un dos aspectos destacados polo profesor emérito da USC Juan Lema. “Caramés foi un académico dinámico, hiperactivo, ateigado de ideas, con carácter conciliador e sempre buscando puntos de encontro”, sinalou o tamén presidente da RAGC. Juan Carlos de Margarida, pola súa parte, destacou que a vida de Caramés “foi un acto de servizo a Galicia”.
O profesor da UDC Antonio Grandío e a profesora da USC Maite Cancelo foron os encargados de realizar a laudatio do profesor Caramés. Grandío afondou na súa amizade de 50 anos co homenaxeado, “unha persoa comprometida e entregada aos demais, preocupado pola proxección exterior da Universidade”; mentres que Maite Cancelo puxo o foco en que Caramés abarcou na súa traxectoria “todos os eidos posibles dentro da Universidade: docencia, investigación, xestión e transferencia”.
Táboa redonda
Con anterioridade ao acto institucional, desenvolveuse unha mesa redonda baixo o lema ‘Situación actual e perspectivas da economía española’. No transcurso da mesma, tomaron parte Juan Ramón Cuadrado Roura, catedrático de Economía Aplicada, e titular da Cátedra J. Monnet ‘UE e Política Económica’; José Luis García Delgado, catedrático de economía Aplicada e presidente do Círculo Cívico de Opinión; José Manuel González-Páramo, catedrático de Economía Pública e ex-conselleiro executivo e membro do Consello de Goberno do BCE. Moderou a mesa o tamén catedrático de Economía Aplicada e membro da RAGC, José Ramón Cancelo de la Torre.
Currículo
Nacido en Cerdedo (Pontevedra) en 1949, Luis Caramés Viéitez foi catedrático de Facenda Pública da USC e ingresou en 2015 na Real Academia Galega de Ciencias. Asemade exerceu como director executivo do Consello Científico do Centro de Estudos Avanzados da USC; coordinador científico do Instituto de Estudos Económicos Pedro Barrié; codirector da revista Urban Public Economics Review; e membro do consello asesor de revista Facenda Pública Española. Caramés foi decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e director do departamento de Economía Aplicada. Ademais, pertenceu á comisión nacional para a reforma de Financiamento Autonómico.