Luis Cavalieri, da Embaixada de Italia, visitou a Facultade de Filoloxía

O conselleiro cultural e académico da Embaixada de Italia, Luis Cavalieri, visitou esta semana a Facultade de Filoloxía para explorar posibles vías de colaboración no ámbito académico e cultural.
Cavalieri manifestou en Santiago o seu interese para incrementar a visibilidade de Italia na cidade a través da organización de conferencias sobre a realidade política e cultural italiana, impartidas por personalidades do ámbito diplomático, e consolidar a figura do lector de italiano grazas ao proxecto ‘Laureati per l'italiano’.
Na súa visita ao centro entrevistouse coa decana, Mª José López Couso, a catedrática de Italiano, Isabel González, e o director do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana, Benedict Buono.
O representante da embaixada expresou a súa satisfacción polo alto número de alumnado matriculado nos cursos de Italiano e as numerosas iniciativas que a Área leva a cabo para a difusión da súa cultura en Galicia e en toda España.
De dereita a esquerda, Benedict Buono, a decana María José Couso e Luis Cavalieri