Presentado o volume interdisciplinario ‘Alfonso X e Galicia’

As profesoras da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín presentaron este luns o volume de estudos interdisciplinarios centrado na relación entre Alfonso X e Galicia, e publicado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O acto, no que tomou parte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, serviu de prólogo a diversas efemérides que terán lugar ao longo desta semana, organizadas por diversas institucións, co gallo do 800 aniversario do nacemento. Tamén interveu no acto o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), Eduardo Pardo de Guevara, quen valorou moi positivamente esta iniciativa.
Un grupo de artigos ocúpase da situación da nobreza galega na corte afonsina e nos altibaixos que atravesou a relación do rei coa Igrexa compostelá, ademais de prestar atención aos cambios que se estaban producindo na organización do territorio e a outros aspectos de interese histórico e social. Dúas contribucións están dedicadas á figura da raíña Dona Violante e á protección que esta dispensou ás ordes mendicantes, destacando a fundación do mosteiro de Santa Clara de Allariz e a doazón a este de xoias tan relevantes como a Virxe Abrideira ou dúas cruces de cristal de roca, todas elas de extraordinario valor artístico e simbólico.
O resto do volume trata sobre a corte poética do Rei Sabio, o plurilingüismo existente nela, a súa produción lírica, as Cantigas de Santa María e “a consolidación dunha norma escrita para o uso literario do galego, da que entraron a formar parte numerosos galicismos e occitanismos, moitos dos cales acabaron entrando na lingua cotiá e xa nin sequera son hoxe percibidos como préstamos”, sinalan as coordinadoras da obra.