Pasar al contenido principal
STG

“As universidades comprometémonos a que todos os días do ano sexan 25 de novembro”

Intervención na rúa de alumnado de Ciencias da Educación co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. FOTO: Santi Alvite
Intervención na rúa de alumnado de Ciencias da Educación co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. FOTO: Santi Alvite
A USC impulsou nos seus centros lecturas simultáneas do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Lugo, Santiago de Compostela

Reiterar o compromiso coa loita contra todo tipo de violencia sobre as mulleres é a meta do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) ao que se deu lectura este mércores en diferentes centros da USC co gallo do 25N, de xeito simultáneo. “Manifestamos  que  constitúe  un  dos  nosos  obxectivos  prioritarios  colaborar cos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto para contribuír a eliminar  calquera  forma  de  violencia  contra  as  mulleres”, subliña o texto ao que deu lectura na reitoría compostelá, a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, xunto coa vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo. “Mentres siga existindo esta dramática realidade, as universidades comprometémonos a que todos os días do ano sexan 25 de novembro”, destaca o manifesto.

Este foi un dos múltiples actos que a institución compostelá está a impulsar con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres nas cidades de Santiago e Lugo. A axenda do 25N na USC nútrese de múltiples concentracións, relatorios ou intervencións na rúa coa meta de facer fronte ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 5 na Axenda 2030: “Eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas nos ámbitos público e privado, incluídas a trata, a explotación sexual e outros tipos de explotación”. Neste senso, o manifesto da RUIGEU pon o foco na denuncia da violencia vicaria, “aquela  exercida  sobre  os  seres  queridos, en especial fillas e fillos que son considerados un medio ou instrumento para causar a máxima dor”.

Prevención

Dende o ámbito universitario, as unidades de igualdade traballan para a prevención da violencia contra as mulleres. “O acoso sexual ou por razón de sexo na esfera laboral e académica, os abusos e agresións sexuais en contornas festivas, a violencia psicolóxica, punto de partida doutras violencias materiais, e todo tipo de discriminacións, directas ou indirectas, é obxecto do noso esforzo para a súa eliminación”, sinala o manifesto.

“A política e cultura universitaria de tolerancia cero desenvólvese mediante os protocolos contra os diferentes tipos de acoso e violencias, os plans de igualdade, as campañas de sensibilización e concienciación, a formación de todo o colectivo universitario, a procura de novas accións e medios que atendan ás vítimas, a planificación de programas para cooperar e impulsar novas iniciativas, son a nosa maneira de contribuír á consecución da igualdade efectiva e á erradicación das formas de violencia nas nosas universidades e na sociedade á que servimos”, conclúe o texto.

A secretaria xeral Dulce García deu lectura ao manifesto no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A secretaria xeral Dulce García deu lectura ao manifesto no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2021.