O Congreso Internacional de Fútbol, Fútbol Sala e Psicoloxía remata este sábado coa entrega de premios

Preto de trescentas persoas danse cita estes días na Facultade de Psicoloxía da USC para asistir ao III Congreso internacional de Fútbol, fútbol sala e psicoloxía que pretende achegarlle á sociedade unha plataforma, ata o de agora inexistente, de transferencia directa de coñecemento da universidade á contorna do fútbol e o fútbol sala. O encontro, que mantén unha intensa axenda de actividades tanto teóricas como prácticas, clausurarase este sábado ás 14.00 horas nun acto no que ademais se entregarán os premios aos mellores traballos presentados.
O programa conxuga sesións teóricas na quenda matinal, con arredor de 145 relatorios agrupados en 31 mesas temáticas, e sesións prácticas pola tarde nas instalacións deportivas da USC con obradoiros de fútbol e fútbol sala. Ademais está prevista tamén unha exposición permanente de pósteres e traballos presentados de maneira gráfica polos participantes.
Trátase dun proxecto “pioneiro e orixinal, creado e deseñado integramente en Galicia, que constitúe unha oferta de formación única a nivel internacional, sen antecedentes noutros países nin comunidades”, explica o profesor e presidente do Comité organizador Constantino Arce. O congreso organízano de maneira conxunta e coordinada a USC e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración da Real Federación Galega de Fútbol. Está dirixido a adestradores/as, futbolistas, profesionais da arbitraxe, dirixentes deportivos, proxenitores e todo tipo de profesionais e persoal voluntario do ámbito do fútbol e do fútbol sala.
Nesta cita científica participan relatores de 33 universidades e 57 clubes ou entidades deportivas procedentes de oitos países: tres europeos, España, Portugal e Reino Unido; e outros cinco americanos, Arxentina, México, Colombia, Brasil e Estados Unidos. Hai ademais unha destacada representación das tres universidades galegas e dos clubs da comunidade autónoma máis emblemáticos como o Deportivo da Coruña, Celta de Vigo ou a Sociedade Deportiva Compostela, no caso do fútbol; e O Parrulo, Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar ou o Ourense Envialia, no de fútbol sala. Tamén participa unha representación de numerosos clubs e entidades deportivas de LaLiga como Sevilla FC, Villareal FC, Levante UD, Real Valladolid CF, Puebla de México, Club Atlético Rosario Central de Arxentina, ademais de técnicos deportivos que formaron ou forman parte das seleccións nacionais de fútbol sala de España, Libia e Vietnam.
Celébranse mesas e talleres sobre técnicas de potenciación dos múltiples factores psicolóxicos facilitadores do rendemento deportivo (concentración, activación, motivación, confianza, estados de ánimo, adestramento mental, liderado ou cohesión, entre outros), e de técnicas de autocontrol emocional e afrontamento do estres e a ansiedade competitiva, de especial interese para adestradores, futbolistas e árbitros. Tamén están previstas sesións sobre temas de actualidade e responsabilidade social e política: o rol dos pais e as nais no deporte infantil e xuvenil; o fútbol feminino; o fútbol adaptado; a prevención da violencia nestas modalidade deportivas; ou as liñas estratéxicas para o deporte galego, entre outros.
O congreso contempla obradoiros prácticos a desenvolver nas instalacións deportivas da USC