Pasar al contenido principal
STG

O Campionato Galego Escolar e Universitario de Orientación Deportiva reunirá preto de 300 participantes

Cartel do evento
Cartel do evento
Organizada polo club USC, o campionato bota a andar este sábado 23 de abril no Monte Gaiás e na Cidade da Cultura de Galicia
Santiago de Compostela

O Campionato Galego de Orientación Deportiva de Escolares e Universitarios, organizado polo club USC da Universidade de Santiago, bota a andar este  sábado, 23 de abril, no Monte Gaiás e na Cidade da Cultura de Galicia coa participación de preto de 300 corredores/as. Esta especialidade deportiva consiste nunha carreira contrarreloxo onde cada participante, coa axuda simplemente dun mapa e un compás, ten que facer un percorrido pasando por unha serie de controis que figuran no devandito mapa. En cada un deses controis hai unha base electrónica na que o/a corredor/a rexistra o seu paso utilizando unha tarxeta. A persoa gañadora é o corredor ou corredora que emprega menos tempo en facer o percorrido establecido para a súa categoría.

Este sábado, preto de 100 corredores das tres universidades galegas competirán dende as 10.30 horas repartidos en dúas categorías: masculina e feminina. Os corredores masculinos deberán facer un percorrido de 5,4 km pasando por 24 controis e as corredoras femininas farán 4,4 con 23 controis situados en diferentes lugares do Monte Gaiás. Ás 11.00 horas comezará o campionato de escolares coa participación de máis de 200 corredores/as de idades entre 12 e 16 anos pertencentes a diferentes centros educativos de Galicia e que se clasificaron nas respectivas probas provinciais. Nesta competición hai seis categorías: infantil masculino/feminino, cadete masculino/feminino e xuvenil masculino/feminino. As distancias e os controis varían en función da categoría dende 2 km e 17 controis ata 3,5 km e 19 controis.

Farase unha clasificación individual e outra por equipos. Os equipos escolares están feitos en base aos centros educativos, alén de haber un equipo por cada unha das tres universidades. O centro escolar gañador de cada categoría terá dereito a participar no campionato de España de centros escolares. Ás 14.00 horas terá lugar a entrega de trofeos e o peche do Campionato.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2022.