Pasar al contenido principal
STG

Aberta ata o 31 de maio a convocatoria de 10 contratos de investigación predoutoral e postdoutoral no Campus Terra

Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC
Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC
As persoas interesadas en concorrer a este programa de fomento e estabilización da carreira investigadora que recibe financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, poden formalizar xa as súas solicitudes na sede electrónica da USC
Lugo, Santiago de Compostela

A USC mantén aberta ata o 31 de maio a convocatoria de 10 contratos de investigación predoutoral e postdoutoral para o campus de especialización Campus Terra ao abeiro do convenio asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

O obxectivo destas convocatorias, que se desenvolverán en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, pasa por promover a formación de investigadores predoutorais que realicen unha tese doutoral na USC sobre unha temática relacionada con calquera dos sete eixos científicos vinculados ao Campus Terra da USC: Produción vexetal e agricultura sostible, produción e saúde animal, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías facilitadas ómicas e TICs, cambio climático ou biodiversidade e infraestruturas verdes, así como a estabilización de doutores que continúen a investigar sobre estes mesmos ámbitos temáticos.

Os seis contratos de investigación predoutoral incluídos nesta convocatoria e cuxas bases están accesibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica da USC, van dirixidos a persoas matriculadas nos cursos 2020-21 ou 2021-2022 en calquera programa de doutoramento da USC. A duración destes contratos predoutorias será de 3 anos, aínda que poderán prorrogarse unha anualidade máis de existir dispoñibilidade orzamentaria. As persoas beneficiarias poderán optar asemade a unha axuda única adicional por importe de 4.000 euros para completar estadías cunha duración de tres meses.

A oferta de catro contratos de investigadores postdoutorais para o Campus Terra está aberta a persoas que acadaron o grao de doutor/doutora desde o 1 de xaneiro de 2017, segundo se recolle na resolución reitoral pola que se rexe unha convocatoria de prazas, a través da que a USC procura incrementar a incorporación de persoal investigador ao Campus Terra, ademais de ampliar a súa formación e capacitación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.05.2023.