A USC fornece o seu cadro de persoal docente coa convocatoria de máis de medio cento de prazas
O Consello de Goberno aprobou a convocatoria pública de máis de medio cento de prazas de profesorado correspondentes á Oferta de Emprego Público (OEP) dos anos 2021 e 2022, das cales 33 son de profesorado titular e 30 de contratado doutor. Esta actuación atópase en consonancia co Plan plurianual de profesorado para o período 2019-2022 que busca garantir a posibilidade de estabilización ao profesorado que cobre necesidades estruturais e a de promoción ao persoal acreditado para os diferentes corpos de profesorado funcionario.
Tamén no capítulo do Persoal Docente e Investigador (PDI) pero de xeito específico no eido das Ciencias da Saúde, o órgano colexiado deu luz verde á creación de nove prazas de profesorado asociado, ademais de tratar a reposición doutras 31. O que se pretende con esta medida é obter unha mellor dotación de prazas vinculadas e optimizar, deste xeito, a atención docente ao alumnado nos centros asistenciais de Vigo, A Coruña, Lugo e Ferrol. A asignación a áreas de coñecemento de especialidade de prazas de profesorado permanente con vinculación asistencial foi outra das cuestións abordadas. Así, segundo o acordado na Comisión Mixta USC-SERGAS, o Consello de Goberno aprobou a asignación de tres prazas de profesorado titular de universidade da OEP de 2021 e de dúas prazas de profesorado contratado doutor da OEP de 2022, ademais das prórrogas de once contratos de profesorado asociado e de profesorado asociado de Ciencias da Saúde.
A creación de catorce novas prazas de profesorado emérito e sete prórrogas, así como a creación de once ad honorem e outras tantas prórrogas, tamén integraron a orde do día. A figura do profesorado emérito correspóndese con docentes xubilados/as que teñan prestado servizos destacados á universidade; mentres que o profesorado ou persoal investigador ad honorem concíbese para vincular coa institución a persoas de probado prestixio.
A normativa sobre prelación de categorías de profesorado e determinación da antigüidade para efectos internos na USC foi outra das cuestións tratadas na xuntanza en materia de PDI xunto cos complementos de recoñecemento de mérito docente (quinquenios), sexenios de profesorado contratado, complementos retributivos autonómicos e a modificación do Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i da USC.
Autonomía e responsabilidade
O novo regulamento do persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela aprobado este mércores 29 polo Consello de Goberno, fornece dun marco normativo propio a este tipo de persoal na USC e as súas entidades dependentes e adscritas. “Cómpre facer un desenvolvemento normativo que permita empregar esta figura cuxa natureza responde ao desempeño de funcións xerenciais con carácter profesional previstas nos Estatutos da Universidade, cun nivel alto de autonomía e responsabilidade, de conformidade cos criterios e instrucións directas dos seus superiores xerárquicos”, sinala o documento estruturado en catro capítulos.
En concreto, consideraranse cargos directivos profesionais a Vicexerencia Xeral Técnica, a Secretaría Xeral Adxunta, os directores/as das áreas Económica, de Persoal, Infraestruturas, Académica, Planificación e Innovación Administrativa, Xestión de Investigación, Promoción e Estratexia Científica, director/a do Centro de Datos e Proxectos e director/a do Centro de Formación de Persoal. Nesta mesma liña, a xuntanza tamén debateu a modificación da Relación de Postos de Traballo do Persoal de Administración e Servizos para adecuala á nova estrutura de goberno. Así, créanse as subáreas de Planificación de PAS, que dependerá da área de Persoal; a de Contabilidade, dependente da área Económica; e a de Plans e Programas, que no novo organigrama pende da área de Planificación e Innovación Administrativa.
Honoris causa
Doutra banda, Ivo Castro, Martha Nussbaum, Mary Beard e Michael Keating pasarán a integrar a listaxe de figuras que recibiron o doutoramento honoris causa por parte da USC, tal e como tamén se acordou na xuntanza deste mércores. Ivo Castro foi proposto polo departamento de Filoloxía Galega e terá como padriño ao profesor Henrique Monteagudo. Castro teceu lazos de colaboración da academia portuguesa coa lingüística e a filoloxía galegas e esforzouse por dar a coñecer a lingua e a cultura galegas no ámbito universitario —e non só— lusitano. Por iniciativa súa, a Universidade de Lisboa acolleu unha activa Cátedra de Estudos Galegos que promoveu un grande número de actividades, pero, sobre todo, facilitou os acordos entre institucións como o Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa e o Instituto da Lingua Galega da USC.
Pola súa parte, Martín González Fernández actuará como padriño de Martha Nussbaum, proposta polo departamento de Filosofía e Antropoloxía. Doutora en Dereito e Ética pola Universidade de Harvard, foi docente en Harvard, Brown, Oxford e na Universidade de Chicago, na que imparte docencia na actualidade. As súas obras constitúen unha referencia obrigada nos programas de estudo das universidades de todo o mundo, tanto no ámbito da Filosofía, como no das Ciencias da Educación, Dereito ou Ciencias Políticas.
O departamento de Historia é o responsable do nomeamento de Mary Beard, catedrática de Historia e Literatura do Mundo Antigo na Universidade de Cambridge e cuxo padriño será Pedro López Barja de Quiroga. Os seus inicios como investigadora situáronse no ámbito da historia das relixións para, a continuación, centrarse en aspectos máis visuais do mundo antigo. Deste xeito, o monumento é analizado non só no contexto no que naceu senón ao longo de toda a historia, ata o presente, incidindo nas diversas lecturas e reaccións que provocou en diferentes épocas. A súa defensa de Roma como un imperio multicultural, áchase no centro do que é o seu libro máis coñecido SPQR: A History of Ancient Rome. En 2016, obtivo o Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais.
Finalmente, Ramón Máiz Suárez actuará como padriño de Michael Keating, proposto polo departamento de Ciencia Política e Socioloxía. O profesor Keating, pertencente á Universidade de Aberdeen, ten acreditada unha traxectoria de gran relevancia e proxección internacional no ámbito da Ciencia Política, complementada por un intenso labor investigador e asesor en institucións de prestixio vinculadas ao proceso de devolución dos poderes lexislativo e executivo no Reino Unido a ao impacto europeo do proceso de Brexit. Por outra banda, o profesor Keating mantivo e mantén unha dilatada, estreita e frutífera colaboración coa Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e contribuíu enormemente a impulsar a súa actividade docente, á apertura de novas liñas de investigación e á formación de novos/as académicos/as, ademais de á consolidación e proxección internacional do centro.
Outros asuntos
As contas anuais de 2021, a elección representantes do Consello de Goberno no Consello Social, xunto coa aprobación de propostas e memorias de estudos propios completaron a orde do día.