Pasar al contenido principal
STG

Amplíase ata o 14 de setembro a inscrición no curso de persoal experto en Xestión e Innovación Cultural

A profesora da USC Isabel Neira é a responsable do curso
A profesora da USC Isabel Neira é a responsable do curso
A formación, unha titulación propia de carácter bienal incluída na oferta de Posgrao e Formación Continua da Universidade, é de especial interese para aquelas persoas que desexen conectar profesionalmente co sector cultural
Santiago de Compostela

A inscrición no curso de persoal experto universitario en Xestión e Innovación Cultural da USC amplíase ata o vindeiro mércores 14 de setembro. A formación, unha titulación propia de carácter bienal incluída na oferta de Posgrao e Formación Continua da Universidade, é de especial interese para aquelas persoas que desexen conectar profesionalmente co sector cultural.

Este curso diríxese a alumnado que se acaba de graduar ou en proceso de formación que busca un eido de especialización en coñecementos como comunicación audiovisual, historia e patrimonio, pedagoxía, educación social, xestión de proxectos, ou formacións artísticas, entre outros. Cuestións como financiamento, comunicación e estratexia dixital, que xa se abordaban en edicións anteriores, terán unha maior presenza nesta nova convocatoria. Persoas emprendedoras ou creadoras que queren aprender a auto-xestionar os seus proxectos, así como profesionais culturais que desexen actualizar e acreditar os seus coñecementos son tamén potencial alumnado deste curso semi-presencial.

As sesións presenciais celebraranse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias todos os venres lectivos e un xoves ao mes (habitualmente o último) en horario de 16.30 a 20.30. En total, a formación desenvólvese en 300 horas, que supoñen 30 créditos. O curso ofrece tamén a posibilidade de prácticas profesionais, de carácter voluntario, en empresas e entidades de referencia no sector. O curso, dirixido pola profesora Isabel Neira e co-dirixido por Gonzalo Rodríguez, baséase nunha aprendizaxe práctica e titorizada e no intercambio de coñecementos con profesionais en activo, así como no deseño en equipo dun proxecto cultural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.09.2022.