A actividade físico-deportiva e a conciliación danse a man en Corresponsables

O Plan Corresponsables permitirá favorecer a conciliación das familias con rapazada de ata 16 anos a través do fomento de actividades físico-deportivas que promovan hábitos de vida saudables. Este é o eixo sobre o que se asenta esta nova iniciativa da USC que nace ao abeiro dun convenio asinado polas tres universidades públicas galegas coa Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deporte a través da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, co apoio da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade. A USC desenvolverá un amplo abano de actividades enmarcadas en Corresponsables en máis dunha vintena de concellos das provincias de Lugo e A Coruña. O rexistro para as persoas que queiran acollerse a Corresponsables pode facerse a través desta ligazón.
Corresponsables concíbese no seu primeiro ano de implantación como un apoio específico das necesidades de conciliación das familias, pero presta atención tamén a outros eidos de actuación relacionados coa creación de emprego, a dignificación e recoñecemento da experiencia profesional de coidados, ou a sensibilización en materia de corresponsabilidade, entre outros. Deste xeito, o desafío radica en deseñar sistemas integrais de coidado dende unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos que promovan a corresponsabilidade entre mulleres e homes.
O Plan permitirá a habilitación de coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións. Tamén se poderán desenvolver accións formativas sobre hábitos de vida saudables, primeiros auxilios no contexto deportivo, nutrición, violencia e igualdade no deporte, entre outros temas de interese. En concreto, a USC dará pulo a un cento de grupos de actividades a través de oito liñas de actuación que xa poden consultarse na páxina web do proxecto.
Actividades
Piragüismo, duatlón, primeiros auxilios, tecnificación de fútbol, xogos tradicionais, danzas urbanas, ou hip-hop son tan só algúns exemplos das actividades ofertadas e xa postas en funcionamento pola USC nestas semanas, tanto en Santiago como en Lugo. Algunhas delas estanse a desenvolver co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Corresponsables, no que se agarda a participación de máis de 1.500 persoas ata decembro, constitúe “un importante esforzo de xestión”, explicou o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, quen tamén subliñou que esta iniciativa é tamén froito das sinerxías que a USC fomentou a comezos de curso a través de diversas xuntanzas co tecido asociativo de Lugo e Santiago no eido deportivo. Algúns dos cursos ofertados desdóbrase en múltiples grupos que tentan achegar unha oferta flexible e tocar un amplo espectro xeográfico. A USC pon a disposición das persoas interesadas este formulario de contacto para solucionar dúbidas e ampliar información.