Pasar al contenido principal
STG

Faíscas Culturais explora puntos de encontro entre a cultura e o currículo académico

Pilar Murias e Fran Núñez na rolda de prensa celebrada en San Xerome
Pilar Murias e Fran Núñez na rolda de prensa celebrada en San Xerome
“Queremos conectar o que facemos no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas”, explicou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, na presentación deste programa artístico-pedagóxico xunto ao director do CDG, Fran Núñez
Lugo, Santiago de Compostela

As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanza un novo proxecto artístico-pedagóxico co que pretende que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas salte ata as aulas universitarias e prenda a través da reflexión no alumnado inseríndose no seu currículo académico. “Queremos conectar o que facemos no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas”, explicou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, na presentación este mércores 14 das Faíscas Culturais, programa que servirá para enriquecer a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural en materias das titulacións que están a estudar.

A primeira das faíscas bota a andar este xoves 15, na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, e consistirá nunha conversa cos membros do Centro Dramático Galego (CDG) sobre a produción teatral ‘Shakespeare en Roma’, os seus contidos políticos e a súa mensaxe aos cidadáns contemporáneos. Fran Núñez, director do CDG, acompañou a Pilar Murias na rolda de prensa de presentación de Faíscas Culturais e subliñou como “o teatro naceu para facer preguntas”, en referencia á meta de fomentar o espírito crítico e reflexivo do alumnado a través do teatro.

A partir dos catro textos que tecen ‘Shakespeare en Roma’ e que “rescatamos para o presente”, o alumnado da materia Historia do pensamento e das institucións políticas, coordinada por Manuel María de Artaza, poderá debater e integrar a reflexión cultural nos contidos específicos da súa titulación. Deste xeito, Faíscas Culturais, constitúe, tal e como explicou Pilar Murias, unha aposta pola “formación integral do alumnado”.

Espazo de intersección

“Queremos crear pontes co alumnado das diferentes materias”, destacou Fran Núñez en relación a unha actividade que tamén chegará ás facultades de Filoloxía, Xeografía e Historia, Filosofía e Formación do Profesorado. “É para nós un privilexio iniciar este camiño a carón desta compañía”, destacou Pilar Murias para logo dar conta de como o programa Faíscas Culturais ten “vontade de continuidade”.

As Faíscas Culturais son proxectos artístico-pedagóxicos que se sitúan na intersección que existe entre o coñecemento académico e a expresión artística. Así, agárdanse novas actividades que ocupen este lugar a medio camiño “entre o currículo e as manifestacións culturais”. De feito, continuou relatando Pilar Murias, a conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos o vindeiro ano, servirá de marco para a programación de novas faíscas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.02.2023.