Pilar Bermejo tomou posesión do seu segundo mandato como decana da Facultade de Química
Para os próximos catro anos “pretendemos ter unha facultade viva, prestixiosa, innovadora e emprendedora, con visión de futuro e que contribúa á formación integral do alumnado, nun contorno saudable, unha facultade comprometida coa sociedade e cunha forte proxección internacional”. Con estas palabras, Pilar Bermejo Barrera presentou o escenario que aspira alcanzar co seu segundo mandato no decanato do centro, cargo do que este xoves tomou posesión nun acto celebrado na propia Facultade e ao que accedeu por vez primeiro en 2014 converténdose na primeira muller que o alcanzaba. O reitor Antonio López presidiu a sesión, na que tamén interveu a secretaria xeral da USC, Dulce Mª García Mella.
Para os vindeiros catro anos, a decana subliñou a súa vontade de continuar o Proxecto de Renovación e Actualización do centro, para o que é preciso “ser un goberno participativo, cercano e transparente, que escoite a todos os membros do centro”. Nesta mesma liña aludiu á necesidade de “ intensificar o noso compromiso coa mellora continua en relación coa implantación da calidade, sendo o seguinte paso conseguir a acreditación do centro”. Tamén apuntou a súa aspiración de conseguir un mellor aproveitamento de todos os recursos materiais e humanos así como mellorar todas as infraestruturas da Facultade.
No terreo da docencia, o seu labor aspirará a desenvolver a formación durante toda a vida profesional, o denominado “lifelong learning” e intensificar e mellorar a relación entre a docencia e a investigación en todos os ámbitos. Entre os seus plans figuran igualmente a mellora da comunicación interna e externa impulsando a relación coa sociedade e a promoción da internacionalización e o impulso da interdisciplinariedade como vía de potenciación da facultade e da Universidade.
O reitor Antonio López felicitou ao equipo decanal pola súa disposición e compromiso co bo funcionamento dunha facultade cun intenso labor docente e investigador. Na súa opinión, a universidade conta cun importante potencial para avanzar e superar os atrancos presentes. Neste senso, aspira a concibir unha universidade de maior calidade, mellores servizos e oportunidade, “e iso faise con esforzo e traballo como o que se está a levar a cabo neste centro”.
Pilar Bermejo
Catedrática de Química Analítica dende 1991, Pilar Bermejo desenvolve o seu labor docente na USC dende 1978. Foi vicedecana desta Facultade entre 1980 e 1990 e dirixiu o Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. Ademais, coordinou o programa piloto ECTS na área de Química entre 1990 e 1996 e a rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) participando no intercambio de máis dun centenar de estudantes entre diferentes universidades europeas e de Estados Unidos e Canadá, nestes últimos países a través do programa TASSEP.
Pertence a numerosas sociedades científicas, como a Real Sociedade Española de Química, a Sociedade Española de Química Analítica, a Sociedade de Espectroscopía Aplicada, a Sociedade Española de Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular. Ademais é fellow member da Royal Chemistry Society (UK) e membro da American Chemical Society (USA) e da Federation European of Trace Elements and Minerals. Recentemente ingresou na Real Academia Galega de Ciencias.
Dirixe o grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación da USC. As principais liñas de investigación deste grupo son o desenvolvemento de metodoloxía analítica para o estudo dos elementos traza en medios biolóxicos e ambientais, estudos de Especiación, Metalómica e Metaloproteómica, así como estudos de Biodispoñibilidade. Nestas liñas publicou mais de 300 traballos de investigación, dirixiu 30 teses de doutoramento e máis de 25 proxectos de investigación, así como diferentes contratos con empresas.
O acto celebrouse na Aula Magna da Facultade de Química. Foto: Servimav-USC