Pasar al contenido principal
STG

Pesar na Universidade polo pasamento do profesor xubilado Gonzalo Vázquez Uña

A Universidade de Santiago de Compostela quere manifestar o seu profundo pesar polo falecemento, o pasado 11 de maio, do catedrático xubilado Gonzalo Vázquez Uña. Ás condolencias súmase moi especialmente o Departamento de Enxeñaría Química da USC.

A súa longa traxectoria profesional na USC comezou cando se incorporou como catedrático de Química Técnica na Facultade de Química proveniente da Universidade Complutense de Madrid. O seu fecundo labor, non só docente e investigador, senón tamén como decano da Facultade, fixo que fora moi recordado por todos os seus discípulos, alumnado e docentes como unha figura relevante en España no campo da Enxeñaría Química.

O profesor Vázquez Uña foi director do Departamento durante varios cursos, ao longo dos cales os estudos da Especialidade de Química Industrial de Química se transformaron no título Enxeñaría Química con personalidade propia e diferenciada da Licenciatura en Química. Foi ademais durante anos o administrador da Fundación Gil Dávila que concedeu bolsas a un gran número de alumnos no ámbito da química.

Este domingo, por expreso desexo da familia, tivo lugar nunha cerimonia íntima a incineración dos seus restos mortais e o transporte das súas cinzas á súa querida localidade natal de Arbo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.05.2018.