Pasar al contenido principal
STG

USC e UPV/EHU deseñan sesións para que alumnado de entre 12 e 17 anos faga un uso responsable e crítico da Internet

Superar os tempos máximos de uso da tecnoloxía é unha das situacións ás que se quere poñer freo coas intervencións. FOTO: Santi Alvite
Superar os tempos máximos de uso da tecnoloxía é unha das situacións ás que se quere poñer freo coas intervencións. FOTO: Santi Alvite
A partir dun estudo previo realizado entre 2.529 estudantes, o equipo desenvolveu un total de 13 intervencións para que “os e as participantes reflexionen sobre as súas propias prácticas e, a partir destas, identifiquen as consecuencias que teñen para o seu benestar físico e emocional”
Santiago de Compostela

Lograr un uso responsable e crítico da Internet e dos dispositivos dixitais é a meta que perseguen as sesións de intervención que acaba de desenvolver un equipo da USC e da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), dirixidas a alumnado de 12 a 17 anos. O proxecto ‘Anomia dixital e riscos en Internet’ desenvolveu un estudo previo entre 2.529 estudantes que cursan estudos en centros educativos do País Vasco, Navarra, Galicia, Comunidade de Madrid e Cantabria; así como a rexión de Attica, en Grecia; e na rexión de Marche en Italia. Esta análise evidenciou que arredor do 50% dos menores usan servizos como Whatsapp sen cumprir co requisito de idade; e ademais non son conscientes da gravidade de romper as normas dos servizos en liña.

A partir dos datos obtidos, o equipo, coordinado dende a Cátedra Unesco da UPV e liderado, na USC, polo investigador Fernando Fraga do departamento de Pedagoxía e Didáctica, desenvolveu as sesións formativas que agora comezan a presentar en diversos centros de secundaria coa intención de que sexan integradas na súa oferta formativa.

As sesións pretenden traballar o uso responsable de Internet e dos dispositivos dixitais dende unha perspectiva educativa do desenvolvemento do pensamento crítico. Deste xeito, a maioría das actividades buscan que “os e as participantes reflexionen sobre as súas propias prácticas e, a partir destas, identifiquen as consecuencias que teñen para o seu benestar físico e emocional, así como para a construción dunha sociedade democrática e igualitaria”, explican dende o proxecto. Cada educador/a  conta cun total de 13 sesións cun tempo estimado de 50 minutos. En todas elas propóñense tres actividades, cada unha delas de entre 10 e 20 minutos. O equipo investigador elaborou unha guía específica para os docentes e outra para o alumnado que xa están dispoñibles na Rede.

Anomia Dixital

No estudo previo o equipo constatou como a rapazada leva a cabo accións “de forma inconsciente, sen intencionalidade de facer dano, sen oposición activa á norma e mesmo sen unha crítica ou rebeldía fronte ás mesmas”. Os investigadores vinculan esta idea ao concepto de Anomia Dixital, é dicir, “ao feito de que non se cumpran as normas e se amose unha indiferenza ética onde non se ten conciencia de facer algo que estea mal, talvez porque non se considere que o que as pon teña lexitimidade para facelo, ou porque non existe perigo de castigo”, matizan. “Os menores non perciben especiais riscos na Internet en moitas das súas accións, aínda que teñen unha alta percepción dos comportamentos de risco relacionados coa publicación de datos e fotos”, engaden.

No caso galego, o estudo detectou comportamentos que demostran unha exposición alta a graves riscos por acción ou omisión, como por exemplo, aceptar solicitudes de amizade de descoñecidos. Os comportamentos de riscos adoitan ser por neglixencia: pasar excesivo tempo en redes sociais ou xogando; acceder e compartir contidos inadecuados; utilización de contrasinais sinxelas; mentir ao crear unha conta en cuestións como a idade ou o nome; acceder a contidos para adultos, como poden ser as páxinas de pornografía; ou a publicación de fotos ou vídeos sen permiso.

Reflexión introspectiva

Os títulos das diferentes sesións son Impresións sobre Internet e os dispositivos dixitais; Consumo tecnoloxía, ou é ela a que me consome a min?; Uso saudable de Internet; Legado dixital; Protexe os teus datos nas redes; Dieta mediática saudable; Raios X aos contidos nas redes; Miradas que matan; Compás de valores; Navega a conciencia; Dime como te expresas na rede; Ata que a dignidade se converta nun hábito; e O que realmente importa.

Entre todas as sesións existe unha cohesión pola temática e polas actividades; non obstante, cada sesión pódese desenvolverse individualmente, sen seguir a secuencia proposta. Ao final de cada unha delas, o ou a educadora pode realizar unha actividade de avaliación. Nela valóranse, a modo de reflexión introspectiva, os aspectos metodolóxicos, cognitivos e axiolóxicos acadados coas sesións.

Superar os tempos máximos de uso da tecnoloxía; realizar accións sen permiso que afectan os pais, como poden ser o caso de pagos; ou saltarse medidas básicas de seguridade como dar as contrasinais ou quedar con descoñecidos conforman algúns dos perigos aos que se pretende poñer freo con esta iniciativa.

De esquerda a dereita, Esther Martínez Piñeiro, presidenta da Federación de Anpas Compostela en representación da Confederación de Anpas Galegas; Arkaitz Lareki Arcos, da UPV/EHU; Juan Ignacio Martínez de Morentin, da UPV/EHU; Fernando Fraga Varela, da USC; e Itxaro Etxague Goia, da UPV/EHU
De esquerda a dereita, Esther Martínez Piñeiro, presidenta da Federación de Anpas Compostela en representación da Confederación de Anpas Galegas; Arkaitz Lareki Arcos, da UPV/EHU; Juan Ignacio Martínez de Morentin, da UPV/EHU; Fernando Fraga Varela, da USC; e Itxaro Etxague Goia, da UPV/EHU
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2023.