A Aula de Teatro da USC sobe o pano da vixésimo sétima edición do Festival Internacional de Teatro Universitario

Observacións sobre a felicidade (composición e manexo) da Aula de Teatro da USC abre este luns 6 o XXVII Festival Internacional de Teatro Universitario que se estenderá, en Compostela, ata o vindeiro 11 de marzo, logo de dous anos de parón por mor da pandemia. O Festival constitúe unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas polas compañías de teatro universitario das contornas galega, estatal e europea. A representación da USC é unha peza de 50 minutos de duración, e en lingua galega, con posta en escena de Roberto Salgueiro e asistencia de dirección de Ximena Torrón Núñez. O elenco está integrado por Bárbara María Domínguez, Laura López Esteban, Aira Portos Rey, Laura Codesido Mella e Breixo Barreiro Mira.
Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición do Festival participan a Escola de Teatro de Tartu-Estonia, a de Superior de Arte Dramática de Madrid, a Superior de Arte Dramática de Galicia, a da Universidade de Almería e a da Universidade da Beira Interior de Portugal. Todas as representacións desenvolveranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 21.30 horas, sendo a entrada de balde previo paso pola billeteira que abrirá cada día ás 19.30 horas. Despois de cada función, haberá un encontro coas compañías no ambigú do teatro para falar sobre o proceso de creación das pezas.
Programa
O martes 7 é quenda para o Tartu Studente Theatre de Estonia coa obra Beggar's Blessing (A bendición do mendigo), unha montaxe sen texto de 40 minutos de duración baseada nos contos populares estonianos. Neles, é un motivo recorrente a chegada dun poder extraterrestre que intervén nos eventos terreais de forma que obriga as persoas a tomar unha decisión. Da mesma maneira, nesta peza é o público o que se ve na necesidade de escoller. Cunha estética de película muda, o relato transmítese a través do movemento e os xestos do elenco e da música da peza. Enor Niinemägi dirixe esta montaxe interpretada por Rutt Vare, Kelly Kittus, Annabel Berg/Katrin Kalma, Kristjan Tammi, Peeter Piiri e Enor Niinemägi con música de Mart Alaru.
O mércores 8 de marzo a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia presenta no Salón Teatro 7 segundos (in god we trust), unha montaxe baseada no texto homónimo De Falk Richter. A peza ten unha duración de 90 minutos e represéntase en lingua galega.
Criadas é a obra coa que a compañía Desgarradura, xurdida a partir do traballo de Lucas Ares e Víctor Longás na Real Escola Superior de Arte Dramática (RESAD), intervén na mostra. O xoves 9 de marzo ofrecen unha nova revisión teatral do clásico de Jean Genet cunha posta en escena que afonda na creación do espazo sonoro, na experimentación con vídeo en directo e na exploración das súas posibilidades expresivas. Lucas Ares e Ana Ruth Resco protagonizan esta peza en lingua castelá de 105 minutos de duración.
Xa o venres 10 de marzo a Aula de Teatro da Universidade de Almería presenta Transición, unha obra escita por Pilar Barberá e dirixida por Diego A. Alías que rende homenaxe ao estudantado universitario dos anos 70 e afonda na transformación dun país que saía da ditadura. A peza, de 60 minutos de duración, interprétase en lingua castelá.
Teatr'ubi, a compañía teatral da Universidade da Beira Interior en Portugal, pecha o festival o sábado 11 de marzo con Tirava-te a dor e ficava com ela, unha peza dirixida e interpretada por Rui Pires con João Gomes, Maria Antónia Marques, Rafaela Schimitt, Rita de Andrade e Thais Teixeira no elenco de intérpretes. A partir de textos de Anaïs Nin, Carlos Drummond de Andrade, Fernando Pessoa, Heiner Müller, Slow J, técese un espectáculo de 40 minutos de duración que se representará en lingua portuguesa.