Pasar al contenido principal
STG

O curso de verán analizará o medio ambiente en Galicia dende unha perspectiva interdisciplinar

Curso de verán sobre o medio ambiente
Curso de verán sobre o medio ambiente

A Universidade de Verán 2018 ofrece un curso sobre o estado actual da cuestión medioambiental a nivel galego dende un punto de vista multidisciplinar. Estas xornadas celebraranse entre os días 18 e 21 de xuño na Aula Magna da Facultade de Química (Santiago). A matrícula pode formalizarse de xeito presencial ou a través da páxina web ata o próximo 8 de xuño.
O programa, dirixido por José Manuel Vila Abad e María de Fátima Lucio Martínez, achega aos estudantes universitarios, profesores de ensino medio, profesionais interesados no tema e ao público en xeral o estado actual do medio ambiente en Galicia mediante unha análise dos aspectos físicos, químicos e biolóxicos da contaminación. Así como o cambio climático, a contaminación das augas, residuos, lexislación, economía medioambiental e crecemento sostible.

O curso inclúe contidos sobre o control de calidade en augas superficiais de Galicia; a produción de biocarburantes mediante tecnoloxías respectuosas co medio ambiente; a problemática da choiva e as secas no contexto do cambio climático global e rexional; a orixe, detección e remedio do Radón en Galicia; e os novos materiais para unha refrixeración máis ecolóxica. O alumnado tamén terá a oportunidade de visitar o Museo de Historia Natural da USC e o Parque Natural das Fraguas do Eume, así como participar en obradoiros de medio ambiente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.05.2018.