Alumnado de Pedagoxía e Enfermaría imparte obradoiros sobre competencias dixitais interxeracionais
Alumnado dos graos en Pedagoxía e Enfermaría imparte obradoiros semanais sobre habilidades básicas para o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) a grupos de persoas interxeracionais. Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) ‘INTERDIXITAIS’23: Competencias Dixitais Interxeracionais en Educación e Salutoxénese’ que se desenvolve no seo das materias ‘Psicoloxía do Desenvolvemento’, ‘Educación ao Longo da Vida’ e ‘Ciencias Psicosociais Aplicadas’, co apoio do proxecto INVENTHEI da EIT HEI Initiative. Dezaoito mozos e mozas participan nestes talleres no Centro Cívico Maruxa e Coralia de Compostela con persoas maiores pertencentes a Acción Solidaria de Galicia (ASDEGAL) e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer (AGADEA). Nesta edición, abordaranse contidos sobre xestión de arquivos, seguridade dixital, aplicacións de saúde, acceso a ocio-lecer e fotografía con smartphone.
A ApS pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. No caso de INTERDIXITAIS’23, quérese promover as competencias dixitais entre as persoas maiores, así como un estilo de vida activo e participativo. O proxecto tamén aspira a contribuír ao enriquecemento do tecido social comunitario; a traballar aspectos relacionados coa saúde dixital; previr o idadismo e promover unha perspectiva do ciclo vital que permita entender e despatoloxizar os cambios ao longo da adultez e da vellez; así como promover o desenvolvemento da pedagoxía xerontolóxica e da enfermaría xeriátrica a través da sensibilización do alumnado das facultades.
David Facal, Lucía Pérez Blanco, Carmen Gutiérrez, Julia Diz, Manuel Gandoy e Alba Martínez son os profesores involucrados neste proxecto que nace logo doutra experiencia de ApS previa. “A experiencia do proxecto anterior, malia resultar exitosa na participación do alumnado e na satisfacción do usuario maior participante, amosou dificultades para dinamizar a participación de persoas maiores, especialmente aquelas que non participan activamente nas actividades dos centros socioculturais. A inclusión dunha nova entidade do tecido asociativo compostelán, AGADEA, está destinada a maximizar a integración das persoas maiores nesta iniciativa”, explica o profesor David Facal.
Así mesmo, ampliar a actividade ao grao de Enfermaría e, en concreto, á materia 'Ciencias Psicosociais Aplicadas', “permitirá maximizar o impacto do proxecto nunha área de Ciencias da Saúde altamente demandante de servizos xerontolóxicos, e ampliar o espectro das actividades de dixitalización cara a áreas de saúde dixital e tendo en conta o proceso de salutoxénese”, engade o profesor da USC.