Pasar al contenido principal
STG

O Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas da USC contará cunha liña de apoio a través de Sumo Valor

Foto de familia das persoas beneficiadas polas axudas de cooperación internacional na institución compostelá nun acto celebrado o pasado mes de marzo no Colexio San Xerome. O acto contou coa participación do reitor Antonio López; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; e Erika Jaráiz Gulías, coordinadora do mestrado en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política.
Foto de familia das persoas beneficiadas polas axudas de cooperación internacional na institución compostelá nun acto celebrado o pasado mes de marzo no Colexio San Xerome. O acto contou coa participación do reitor Antonio López; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; e Erika Jaráiz Gulías, coordinadora do mestrado en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política. FOTO: Santi Alvite
Trátase dun instrumento de micromecenado ou microdoazón que reforza a conexión da institución universitaria coa sociedade e que permite que a cidadanía sexa partícipe das súas accións de cooperación
Lugo, Santiago de Compostela

A USC reforza o seu compromiso social co lanzamento dunha campaña para contribuír ao mantemento do seu Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas a través da iniciativa Sumo Valor, un instrumento de micromecenado ou microdoazón que reforza a conexión da institución universitaria coa sociedade. Deste xeito, preténdese que a cidadanía sexa partícipe non só do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado dende a Universidade, senón tamén das súas accións de cooperación.

En 2015, no marco da Asemblea Xeral da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), acordouse facilitar a recepción e acollida de estudantado universitario refuxiado en forma de colaboración directa ou a través de accións de voluntariado ou colaboración con outras administracións e axentes. Dende o curso 2016-2017, a USC promove, actualmente a través da súa Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, o Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas ou con estatuto de protección temporal. Este programa subministra axudas de 12 meses de duración para estudantes de grao, mestrado e doutoramento que posúan estatuto de refuxiado/a, de protección temporal ou procedan de zonas en conflito. As axudas proporciónanlles ás persoas beneficiarias cobertura total dos gastos de matrícula para un curso académico, unha asignación mensual para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC e a realización de dous cursos semestrais de galego ou español no Centro de Linguas Modernas.

Ata o curso 2021-2022 este programa ofrecía dúas axudas por ano académico. Porén, a actual situación internacional, cunha guerra ás portas da Unión Europea e longos e dramáticos conflitos noutras áreas, requiriu unha resposta decidida por parte da comunidade universitaria. Así, no curso 2022-2023, grazas á colaboración do Consello Social, as axudas aumentaron de xeito significativo para atender a un total de 11 estudantes procedentes de países como Ucraína, Palestina, Afganistán, Irán ou Siria. O investimento total para este curso superou os 100.000 euros.

“A posta en marcha e o mantemento de xeito ininterrompido dende o ano 2016 do Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas é unha proba palpable do compromiso social que caracteriza a USC”, destaca a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Estamos moi satisfeitos co funcionamento do programa, que permite que estudantes estranxeiros que non poden continuar coa súa formación académica nos seus países de orixe teñan a oportunidade de facelo na nosa universidade, no marco da política que desenvolve a USC en materia de cooperación internacional”, engade López Couso. 

A convocatoria destas axudas para o curso 2023-2024 publicarase nos vindeiros meses. “O número de axudas fixarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, polo que a acción de micromecenado que se activa agora cobra unha especial relevancia, dado que permitirá á Vicerreitoría contar con fondos para sufragar parcialmente este programa”, sinala a vicerreitora.

Ademais deste programa propio, a USC participa noutros dous programas de cooperación internacional: dende 2007 colabora coa Fundación Carolina dotando axudas para estudantes de mestrado e doutoramento procedentes da comunidade iberoamericana e Portugal. No curso 2022-2023 a USC recibiu a cinco estudantes a través deste programa. Por outra banda, dende o ano 2017 a USC participa no programa Learn Africa da Fundación Mujeres por África. Este curso a institución compostelá acolleu a tres bolseiras, procedentes de Gambia, Tunisia e Nixeria, que están cursando estudos de mestrado.

Como facer doazóns

A USC puxo en marcha a finais de 2019 o programa de micromecenado Sumo Valor co obxecto de crear un espazo de encontro que implicase a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que a Universidade desenvolve en materia de investigación, cultura ou deportes, entre outros ámbitos. Entre as iniciativas que se levaron a cabo, cómpre salientar a campaña de promoción da investigación sobre a COVID-19 durante a pandemia.

Enténdese por microdoazón a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que a cantidade ou o valor do ben non supere os 3.000 euros. As achegas que se realizan teñen dedución fiscal. Para as persoas físicas ou xurídicas que queiran facer unha microdoazón, a USC pon a disposición da cidadanía un formulario electrónico.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.04.2023.