Pasar al contenido principal
STG

A estabilización e promoción do profesorado progresa coa convocatoria dun cento de prazas docentes

As medidas adoptadas atópanse na liña do establecido nas Bases para a Planificación de Profesorado 2023. Imaxe de arquivo dunha clase da USC. FOTO: Santi Alvite
As medidas adoptadas atópanse na liña do establecido nas Bases para a Planificación de Profesorado 2023. Imaxe de arquivo dunha clase da USC. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza do Consello de Goberno tamén serviu para aprobar medidas de apoio que atendan necesidades urxentes de membros da comunidade universitaria que se atopen nunha excepcional situación de vulnerabilidade
Lugo, Santiago de Compostela

A aprobación da convocatoria de preto dun cento de prazas de profesorado, 50 de catedrático/a e 43 de profesorado titular, permitirá progresar na promoción do profesorado acreditado para estas figuras docentes na USC. Esta foi unha das cuestións abordadas na xuntanza do Consello de Goberno deste venres 28 e na que tamén se deu luz verde ás comisións de selección correspondentes. Esta medida atópase en consonancia co establecido nas Bases para a Planificación de Profesorado 2023, nas que se define non só o obxectivo de renovar e rexuvenecer o cadro docente, senón tamén contribuír á estabilización do PDI.

No caso das prazas de titular, cinco están reservadas para persoal investigador do programa Ramón y Cajal e doutros programas de excelencia estatais e internacionais. Do medio cento de prazas para catedrático/a, catro son de quenda libre e 46 de promoción interna. Ademais, continuando co capítulo de persoal, aprobáronse prorrogas de profesorado asociado no eido de Ciencias da Saúde e modificouse a Relación de Postos de Traballo do Persoal de Administración e de Servizos.

No relativo ás titulacións, a xuntanza abordou a memoria do mestrado propio en Dirección e Xestión do Comercio Exterior, así como os regulamentos dos traballos fin de grao en Bioloxía e Biotecnoloxía.

Vulnerabilidade

As situacións excepcionais dos últimos anos puxeron de manifesto  a necesidade de reforzar as medidas para atender situacións de emerxencia social dos membros da comunidade universitaria, moi particularmente do estudantado. Baixo esta premisa, o Consello de Goberno acordou propoñer ao Consello Social a aprobación dun crédito extraordinario para atender as necesidades urxentes de membros da comunidade universitaria que se atopen nunha excepcional situación de vulnerabilidade e que carezan dos medios precisos para facer fronte a elas.

Esta acción engádese ás xa desenvolvidas en colaboración con outras institucións como Mujeres Por África ou a Fundación Carolina. Ademais, nos últimos tempos, téñense incrementado  notablemente  as  convocatorias  de  axudas  destinadas  a  membros da comunidade universitaria que por diversas razóns se teñen atopado nunha situación de vulnerabilidade. Non obstante, as medidas que a universidade pode adoptar, como administración pública que é, esixen a tramitación de procedementos que impiden en moitas ocasións dar resposta ás necesidades máis básicas coa velocidade que requiren certas situacións excepcionais, razón pola cal se procede á aprobación do devandito crédito.

Videovixilancia

O Consello de Goberno tamén aprobou o novo protocolo sobre o uso de instalacións de videovixilancia na USC coa vontade de adaptarse ao cumprimento das normas de protección de datos de carácter persoal e coa finalidade de determinar, de acordo coa lexislación máis recente, os procedementos para a instalación de cámaras, os seus requisitos e o seu uso.

Outros asuntos

A aprobación da renovación da Comisión de atención a situacións de acoso sexual, acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero; a declaración do carácter excepcional e singular de solicitudes de subvencións obxecto de convenio para financiamento de actividades pola Deputación Provincial da Coruña; convenios e asuntos económicos completaron a orde do día.

A xuntanza desenvolveuse este venres no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse este venres no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.05.2023.