A mostra 'Minerais. Ver o Invisible’ achega unha nova perspectiva da investigación mineralóxica en Galicia

A exposición 'Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta' achega á sociedade unha nova perspectiva da investigación mineralóxica que se desenvolveu e se desenvolve en Galicia. Promovida pola Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural, coa colaboración da Área de Cultura da USC e a Deputación da Coruña, permanecerá aberta ao público, no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca, dende este xoves 22 ata o 2 de setembro con horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, de luns a sábado.
O acto de inauguración contou coas intervencións da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, e dos comisarios e comisaria da mostra: o director do MHN, Marcos Andrés González González, o responsable da Unidade de arqueometría e caracterización de materiais da Área de Infraestruturas de investigación da USC, Óscar Lantes Suárez, e a artista interdisciplinaria, Mónica Mura.
En 'Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta' o pasado aparece en forma de homenaxe ao investigador do século XVII René Just Haüy, considerado un dos fundadores da cristalografía e mineraloxía modernas e a quen se dedicou o pasado Ano Internacional Mineralóxico. O presente móstrase nunha escolma de resultados realizados con modernas técnicas de análise mineralóxico e coa presentación, por vez primeira, do novo mineral galego, a ermeloíta. Este é o terceiro mineral descuberto en Galicia, tras a morenosita e a cervantita, descritos a mediados do século XIX.
Ermeloíta
O novo mineral foi descuberto no monte Ermelo en 2022 polos investigadores da USC Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez García e Manuel Cerviño Fervenza e estudado cientificamente por persoal técnico da Área de Infraestruturas de Investigación da Vicerreitoría de Política Científica da USC. Tras o seu achado, arrancou un proxecto divulgativo conxunto entre a Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural da USC, que desenvolveu durante o ano 2022 e 2023, diferentes actividades divulgativas de mineraloxía científica (obradoiros, saídas ao campo e conversas) orientadas a diversos públicos con grande éxito de asistencia. Este esforzo de difusión culmina agora con esta mostra que conta coa dirección artística de Mónica Mura e coa paisaxe sonora, Mar ao Norde, do compositor sinfónico Fernando Buide del Real. Ao peche da mostra, a ermeloíta quedará permanentemente exposta no Museo de Historia Natural da USC.
