Novo selo Erasmus Mundus para o Mestrado Europeo en Lexicografía no que participa a USC

A Axencia Europea no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (EACEA) vén de outorgarlle novamente o selo Erasmus Mundus ao Mestrado Europeo en Lexicografía (EMLex), o que supón un novo recoñecemento ao traballo interuniversitario, interdisciplinar e global das diferentes universidades e institucións internacionais que presentaron a proposta, entre elas a USC. De entre as 110 propostas avaliadas, o Mestrado Europeo en Lexicografía foi seleccionado cunha excelente puntuación (92,5 puntos sobre 100).
Ademais da USC, o Consorcio deste mestrado está conformado polas universidades Károli Gáspár Református Egyetem de Budapest (Hungría), Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña), Uniwersytet Śląski w Katowicach (Polonia), Université de Lorraine (Francia), Universidade do Minho (Portugal), Università degli Studi Roma Tre (Italia) e a Stellenbosch University (Suráfrica). A estas oito universidades súmanse membros asociados de Alemaña, Estados Unidos e Brasil, entre outros.
En España, este mestrado impártese na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela baixo a coordinación de María José Domínguez. Cunha duración de dous anos combina a docencia presencial, reunións de traballo, a realización de prácticas e un cuadrimestre de intercambio nunha das universidades do Consorcio. Conta cun excelente elenco de especialistas do sistema universitario galego, de todas as universidades participantes así como de docentes convidados de todo o mundo.
No marco do programa ofértase un total de 60 bolsas, cada unha delas cunha dotación mensual duns 1000 euros, que pode incrementarse con financiamento para gastos relacionados coa súa formación como, por exemplo, importes de viaxes correspondentes ao cuadrimestre de mobilidade.