Pasar al contenido principal
STG

Traballan na produción de bioadhesivos ambientalmente amigables a partir de recursos renovables

A primeira reunión do proxecto tivo lugar na ETSE
A primeira reunión do proxecto tivo lugar na ETSE
O proxecto europeo WooBAdh que coordina a USC desenvolveu a súa primeira reunión de traballo na ETSE

O formaldehído é un composto químico orgánico que está presente en moi e variados usos e produtos cotiás, dende formol ata cosmética e hixiene pasando pola produción de taboleiros de madeira, resinas ou adhesivos. As autoridades sanitarias oficiais teñen alertado das implicacións nocivas para a saúde que ten este composto, hoxe básico para a industria química.

Precisamente co obxecto de avaliar a factibilidade de reemprazar o formaldehído comunmente engadido nas resinas empregadas en taboleiros e produtos de madeira por compoñentes naturais derivados da propia madeira ou outros de orixe vexetal nace o proxecto europeo WooBAdh ‘Produción de bioadhesivos ambientalmente amigables a partir de recursos renovables’ do que a USC forma parte.

O consorcio do proxecto traballará así no desenvolvemento de novos adhesivos que achegarán unha solución holística ao actual reto tecnolóxico e medioambiental que afronta esta industria.

Coordinado pola profesora María Teresa Moreira, do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química da USC, estes días tivo lugar na ETSE a primeira reunión do proxecto, financiado polo programa europeo ERA-CoBioTech na súa primeira convocatoria.

En WooBAdh participa, ademais do grupo da USC, persoal investigador das universidades de Lorraine (Francia), Albert-Ludwig Freiburg (Alemaña), Ljubljana (Eslovenia) e do Instituto de Tecnoloxía Química de Fraunhofer (Fraunhofer-ICT, Alemaña).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.07.2018.