Pasar al contenido principal
STG

José Méndez Rodríguez ‘Pitelos’ e Xosé Manuel Rodríguez ‘Moxom’ abren un novo curso expositivo na USC

Na mostra 'CONSTELATIO' figuras mitolóxicas e zodiacais personifícanse en retratos. FOTO: Santi Alvite
Na mostra 'CONSTELATIO' figuras mitolóxicas e zodiacais personifícanse en retratos. FOTO: Santi Alvite
As mostras ‘CONSTELATIO’ e ‘Madeiras no camiño’ poden visitarse na Igrexa da Universidade e no Colexio de Fonseca
Santiago de Compostela

A Área de Cultura inicia un novo curso expositivo coa apertura de dúas novas mostras: 'MOXOM. Madeiras no Camiño', unha escolma de tallas realizadas por Xosé Manuel Rodríguez Mojón; e 'CONSTELATIO', exposición na que o pintor José Méndez Rodríguez 'Pitelos' reúne máis dun cento de artistas do panorama creativo galego a través de retratos, esculturas, ornamentación e 'Ovos Vitae'.

‘Pitelos’

Na mostra 'CONSTELATIO' figuras mitolóxicas e zodiacais personifícanse en retratos a través da creatividade do pintor compostelán, José Méndez Rodríguez 'Pitelos'. A mostra contén máis de 46 retratos personificados acompañados dos seus respectivos ‘Ovos Vitae’, esculturas creadas polos artistas retratados, e máis de 60 pezas da mesma colección. A propia substancia de CONSTELATIO tende pontes cara a todas as épocas dialogando coa arquitectura do espazo, coa súa ornamentación na formulación da montaxe e a concepción escenográfica dos elementos portantes como soporte dos retratos.

A mostra inaugúrase este xoves 7, na Igrexa da Universidade, ás 20.00 horas, coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura Pilar Murias; da comisaria da mostra, Adriana Pazos Ottón; e do artista José Méndez Rodríguez. 'CONSTELATIO' é un “xogo de exacerbación efectista realizando unha fusión ilusoria e material coa arquitectura, a escultura e a pintura que habitan a Igrexa. A mostra ofrece un diálogo sobre a conciencia de ser parte dun universo infinito, gobernado por leis eternas, alleo á lóxica e ao control da mente humana”, apuntan dende a organización. “Un universo plural, ilimitado en configuracións, aparencias e expresións, marcado polo hibridismo das formas e os elementos”, engaden.

A mostra, coordinada por OLALAB Acción Cultural e con montaxe de Escenoset- Pitelos, conta coa colaboración da Deputación da Coruña e poderá ser visitada de mércores a venres entre as 17.00 e as 21.00 horas, os sábados de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, e os domingos de 11.00 a 15.00 horas.

Madeiras no Camiño

Xosé Manuel Rodríguez Mojón 'MOXOM' posúe, pola súa parte, unha traxectoria escultórica que comezou hai máis de vinte anos e de forma completamente autodidacta. As súas obras empregan madeira recuperada dos camiños, fragas, leiras e encoros da xeografía galega como materia prima para a creación e, así, convértense en vehículo co que transitar polo seu percorrido artístico. A exposición 'Madeiras no Camiño' presenta no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca unha escolma destas creacións que poderá visitarse, ata o 14 de outubro, de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, realizou este xoves 7 un percorrido pola mostra acompañada polo artista. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.09.2023.