Pasar al contenido principal
STG

O Welcome Day dá a benvida ao alumnado internacional da USC

Foto de familia de reitor, autoridades, organización e estudantes. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia de reitor, autoridades, organización e estudantes. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu a sesión inaugural desta xornada lúdica que conta con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá entre o novo alumnado, así como distintos aspectos da cultura galega
Santiago de Compostela

Coa celebración este sábado 16 da quinta edición do ‘Welcome Day’, a USC dá a benvida ao alumnado internacional que vai cursar estudos na institución académica este curso 2023/24. A xornada, organizada pola Oficina de Captación Internacional, desenvólvese no Colexio de Fonseca e acolle arredor de 300 alumnos e alumnas, procedentes de corenta países, sendo as nacionalidades italiana, mexicana e alemá as que contan cun maior número de estudantes no acto. En total, agárdase que ao longo deste curso se matriculen na USC máis de 1.000 estudantes estranxeiros.

O reitor Antonio López presidiu a sesión inaugural, que tamén contou coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín; da primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas; e da subdirectora xeral do Retorno, Begoña Solís Domínguez.

O programa do evento, que se desenvolve en quenda de mañá e tarde, conta con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá entre o novo alumnado, así como distintos aspectos da cultura galega. Logo do acto inaugural, desenvólvense actividades de tipo lúdico con dinámicas de grupo para que o alumnado interactúe entre si. A música tradicional galega tamén se atopa moi presente no programa grazas ao Espazo de Danza da Universidade. Finalmente e tras un xantar con diferentes produtos típicos da gastronomía galega, unha sesión DJ serve, xa en quenda de tarde, de colofón á xornada.

“Evento clave”

“A internacionalización é un imperativo no contexto actual, polo que o International Students Welcome Day é un evento clave para amosar a súa relevancia”, destaca María José López Couso. O obxectivo perseguido pola USC é “xuntar esforzos e establecer sinerxías entre institucións públicas e privadas a prol da internacionalización, para amosar os beneficios que reporta á universidade, ás cidades de Santiago e Lugo e a Galicia no eido económico, cultural e social”, engade.

Aínda que a mobilidade na universidade se segue asociando fundamentalmente ao Programa Erasmus e ao ámbito territorial de Europa, a USC nos últimos dez anos ampliou dunha forma substantiva o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico.  “É necesario romper a identificación de mobilidade con Erasmus, se ben é certo que é o programa de mobilidade con maior recoñecemento, unha marca en si mesma”, explican dende o Servizo de Captación Internacional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2023.