O grupo CienciaNOSA da USC achega a Química á sociedade cunha versión actualizada e en galego da Táboa Periódica
O grupo de innovación docente CienciaNOSA da USC, que coordina o profesor da Facultade de Ciencias Marcelino Maneiro, vén de elaborar unha nova versión actualizada e en galego da táboa periódica, un novo documento de traballo do que desde hoxe se distribuirán 13.000 exemplares por todos os centros educativos de ensino secundario de Galicia. Esta acción permitirá ao alumnado preuniversitario de Galicia contar por primeira vez cunha edición impresa en galego da táboa periódica de elementos químicos, ao tempo que posibilitará aos docentes poder traballar con ela nas aulas.
A versión en galego da táboa periódica elaborada por CienciaNOSA inclúe ademais do nome e o correspondente símbolo de cada un dos elementos, outros datos de interese, tal e como o son o peso e número atómico, así como o seu estado físico en condicións normais. No reverso desta táboa lístanse asemade outras propiedades dos elementos: punto de fusión, punto de ebulición, densidade e electronegatividade na escala de Pauling.
A presentación deste novo material de traballo e consulta, publicado grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega das Ciencias e a Real Academia Galega, desenvolveuse o pasado 14 de marzo en Compostela no marco da xornada ‘O ano internacional do sistema periódico: reflexións dende Galicia’, un evento celebrado na sede do Consello da Cultura Galega baixo a coordinación dos profesores da USC Manuel R. Bermejo, Ana M. González-Noya e Marcelino Maneiro, todos eles compoñentes de CienciaNOSA.
A táboa periódica dos elementos é un instrumento básico en química, que vén sendo utilizada para a formación nesta disciplina de diferentes xeracións. A información que proporciona non se limita ao nome e ao símbolo dos elementos químicos, senón que a colocación destes na táboa permite comprender claves do seu comportamento químico, da súa reactividade e do seu estado elemental.
Esta nova achega supón un acto máis no marco do programa de actividades promovidas co gallo da celebración dos 150 anos da presentación da primeira táboa periódica de elementos químicos por parte de Dimitri Mendeleev. A compilación orixinal de 1869 contabiliza en 2019, declarado Anao Internacional do Sistema Periódico polas Nacións Unidas, un total de 118 elementos, sinalan desde CienciaNOSA.
Co gallo da celebración desta efeméride, o grupo de innovación docente CienciaNosa está a promover un amplo abano de actividades co fin de “achegar a Química á sociedade”. “Traballamos para que se recoñeza o valor que esta disciplina científica tivo historicamente e a incidencia que aínda mantén hoxe na nosa vida cotiá, ao tempo que se procura desterrar algunha das ideas erradas sobre esta ciencia”, relata Maneiro.
“Temos que transmitir que o coñecemento da Química é un factor clave para entender que nos últimos cen anos duplicásemos a nosa esperanza de vida ou para que esteamos a vivir unha revolución tecnolóxica. A Táboa Periódica é a icona máis recoñecida desta disciplina e podémola usar como unha vía para achegar a Química á sociedade”, conclúe o coordinador do grupo de innovación docente CienciaNOSA da USC.
CienciaNOSA
O grupo CienciaNOSA da USC desenvolveu tamén no marco dos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación da Táboa Periódica a publicación do libro “ Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións”, un volume editado polo Centro Ramón Piñeiro. A convocatoria o concurso de vídeos “ O meu elemento”, promovido en colaboración coa Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, ou a participación de integrantes de CienciaNOSA como relatores no ciclo de charlas ‘Reactiva a túa química’, organizadas pola Facultade de Química, son outras da accións promovidas co gallo desta efeméride.
CienciaNOSA está a traballar xunto con ENCIGA na edición dun número especial do ‘Boletín das Ciencias’ sobre a Táboa Periódica. A organización doutro ciclo de conferencias e dunha exposición científica en coordinación con diferentes institucións son outros dos obxectivos previstos para o segundo semestre deste ano internacional.