Pasar al contenido principal

Este portal utiliza cookies propias o de terceros con fines analíticos, así como enlaces a portales de terceros para poder compartir contenido en las redes sociales. Puede obtener más información en la política de cookies.

STG

GEM Galicia participa nun estudo para profundar no espírito emprendedor universitario

Segundo os resultados obtidos nas últimas edicións, algo máis do 70% dos universitarios de España ao rematar os seus estudos elixen ser empregados por conta allea, mentres que o 13% desexa emprender un negocio. Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
Segundo os resultados obtidos nas últimas edicións, algo máis do 70% dos universitarios de España ao rematar os seus estudos elixen ser empregados por conta allea, mentres que o 13% desexa emprender un negocio. Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
O proxecto GUESSS mide as intencións futuras das persoas universitarias ao rematar a súa titulación e as súas perspectivas nun horizonte de cinco anos
Santiago de Compostela

O equipo de GEM Galicia (Global Entrepreneurship Monitor), no que participa profesorado da USC, súmase un ano máis ao proxecto Global University Entrepreneurial Spirit Student´s Survey (GUESSS), unha sondaxe coa que se pretende ofrecer indicadores para coñecer e impulsar o espírito emprendedor dos e das universitarias, facendo recomendacións prácticas ás autoridades educativas, ao estudantado e ao profesorado. En concreto, a décima edición mundial do proxecto GUESSS que xa se atopa en marcha pretende mobilizar máis de 3.000 universidades en 60 países. En España, participan 70 institucións académicas e espérase superar os máis de 90.000 participantes da anterior edición do proxecto. As persoas interesadas en participar poden facelo a través da web do proxecto.

Nos últimos vinte anos elevouse en gran medida o nivel de formación das persoas que emprenden: a porcentaxe de proxectos postos en marcha por persoas con estudos superiores pasou de algo máis do 20% en 2003 a máis do 50% en 2022. “No sistema educativo e en especial na Universidade, o coñecemento é en todo o mundo un sementeiro de iniciativas emprendedoras de alto potencial que dinamizan a calidade e capacidade do tecido empresarial dos países”, explican dende o equipo de GEM Galicia.

Neste senso, GUESSS mide as intencións futuras de elección de carreiras profesionais das persoas universitarias, ao termo dos seus estudos e as súas perspectivas nun horizonte de cinco anos; as iniciativas emprendedoras nas que están involucrados mentres estudan; as empresas que crearon e xestionan, analizando as súas características; e o contexto da universidade, formación xenérica e específica en emprendemento que reciben, así como servizos de apoio que se ofrecen para emprender. Estes indicadores complétanse e analizan por xénero, ramas de especialidade, antecedentes familiares, benestar persoal e outras variables que poden condicionar o comportamento emprendedor.

Segundo os resultados obtidos nas últimas edicións, algo máis do 70% dos universitarios de España ao rematar os seus estudos elixen ser empregados por conta allea, mentres que o 13% desexa emprender un negocio, porcentaxe que aumenta ao 23% nun horizonte de cinco anos. Ademais, se en 2014 o 9% do estudantado estaba involucrado no proceso de iniciar unha empresa, esa porcentaxe pasa ao 19% en 2021. No caso específico da USC, na edición 2021 do estudo participaron 1.800 estudantes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.