Pasar al contenido principal
STG

A Cátedra de IA en Medicina Personalizada de Precisión buscará levar a atención sanitaria á vangarda

Entre os principais obxectivos que abordará nos seus primeiros catro anos de vida, a Cátedra centrará os seus esforzos en reforzar a investigación en IA que realiza o CiTIUS. FOTO: Santi Alvite
Entre os principais obxectivos que abordará nos seus primeiros catro anos de vida, a Cátedra centrará os seus esforzos en reforzar a investigación en IA que realiza o CiTIUS. FOTO: Santi Alvite
A resolución do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública avala a creación desta Cátedra institucional froito da colaboración entre o CiTIUS da USC e a empresa tecnolóxica Plexus Tech
Santiago de Compostela

A Cátedra de Intelixencia artificial en Medicina Personalizada de Precisión, unha proposta elaborada pola Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), en colaboración coa empresa tecnolóxica Plexus Tech, acaba de converterse na única en España, dentro desta temática, en acadar o apoio do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. “É unha excelente noticia para Galicia, un novo recoñecemento á investigación en Intelixencia artificial desenvolvida na nosa comunidade e, neste caso, tamén para o noso ecosistema de saúde”, afirmou Senén Barro, director científico do CiTIUS e director da Cátedra, ao coñecer a resolución ministerial que avala a súa creación cun financiamento de 1.200.000 euros para os vindeiros catro anos.

“A Medicina Personalizada de Precisión (MPP) xorde da ambición por optimizar a calidade da atención sanitaria mediante a individualización do proceso asistencial, de acordo coas condicións únicas que caracterizan a cada paciente”, explica Senén Barro. “Existe un consenso xeneralizado sobre o feito de que a IA está chamada a revolucionar a Medicina Personalizada de Precisión e, por extensión, o desenvolvemento mesmo da medicina do futuro”, engade.

Baixo esta premisa nacía a iniciativa promovida pola USC que en marzo de 2023 concorreu á convocatoria lanzada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial para financiar Cátedras universitarias dedicadas á investigación, divulgación, docencia e innovación sobre IA e cuxo desenvolvemento se enmarca na Estratexia Nacional de Intelixencia artificial (ENIA) e na axenda España Dixital 2026, así como no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “A Cátedra xurdiu polo convencemento de que só dende unha perspectiva integradora e multidisciplinar, coa ambición de construír un proxecto a longo prazo, pódese crear unha contorna de xeración de novo coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que remate na súa translación á práctica clínica”, afirma Barro.

Potencial

Entre os principais obxectivos que abordará nos seus primeiros catro anos de vida, a Cátedra centrará os seus esforzos en reforzar a investigación en IA que realiza o CiTIUS, incentivando aquelas liñas de investigación con maior potencial en proxectos de Medicina Personalizada de Precisión. O obxectivo é situar Galicia na vangarda da Intelixencia artificial neste terreo, a través do liderado da USC, a empresa Plexus Tech, e todo o ecosistema galego implicado.

A principal prioridade investigadora deste novo instrumento científico centrado na IA aplicada á MPP é a adecuada explotación dos datos dispoñibles. Deles espérase, por unha banda, que acheguen novo coñecemento e, por outra, que contribúan significativamente ao proceso de toma de decisións do persoal clínico, poñéndose ao seu servizo como unha sorte de ‘intelixencia aumentada’. As posibilidades que ofrece a aplicación da Intelixencia artificial neste campo abarcan múltiples ámbitos, como o descubrimento de fármacos, a identificación de biomarcadores, a caracterización de subpoboacións, a estimación e inferencia causal de efectos ao tratamento, a comunicación, ou o intercambio de coñecemento, entre outros aspectos. Á súa vez, estas novas posibilidades expoñen novos retos na integración de datos multimodais, como a seguridade, a privacidade, a escalabilidade, a eficiencia, a reproducibilidade, a transparencia ou a confiabilidade. “Por iso esta Cátedra dá tanta importancia aos datos, á computación de alto rendemento e ás tecnoloxías intelixentes”, argumenta Senén Barro. “O fin é a saúde e a calidade de vida das persoas, pero no medio están as máquinas e as tecnoloxías intelixentes”, matiza.

Talento investigador

A proposta recoñecida polo Goberno inclúe unha lista de doce perfís investigadores de recoñecida traxectoria que actúan como garantes da actividade da Cátedra. Entre eles, cómpre destacar a participación dos directores de cinco dos centros de investigación de referencia en Galicia e España: a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), María Luz Couce; Rosa María Crujeiras, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga); a directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), Mabel Loza; o director do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII, Ángel Carracedo; e Senén Barro, director do CiTIUS. Tamén integran a lista de garantes os profesores Wenceslao González, María José Alonso ou José Ramón González Juanatey.

Polo que respecta á vertente socioeconómica desta cátedra universidade-empresa, a achega empresarial contará co liderado da compañía tecnolóxica Plexus Tech, que dende o ano 2000 desenvolve proxectos en todos os ámbitos tecnolóxicos e conta xa con máis de tres mil profesionais, moitos dos cales atópanse desenvolvendo proxectos europeos dentro do marco H2020. En palabras de Antonio Agrasar, Fundador e CEO de Plexus Tech, “entendemos a tecnoloxía como unha ferramenta que só ten cabida para mellorar o mundo e, neste sentido, a medicina é un campo de grandes avances tecnolóxicos no que participamos dende hai anos de distintas formas. Ser partícipes desta Cátedra impúlsanos a ser conscientes de como podemos mellorar neste caso a medicina personalizada. Isto é un reto e á vez un compromiso dos nosos equipos e da nosa compañía, fainos sentir orgullosos e, á vez, medrar como profesionais para lograr algo moito máis grande que un proxecto; algo que, sen sabelo pode chegar, se todo sae ben, a miles de persoas que se beneficiarán deste esforzo, que é á vez a nosa recompensa”. A compañía tecnolóxica ten presenza en máis de 27 países na actualidade e consolídase ano tras ano cun crecemento exponencial de clientes e profesionais.

Cómpre destacar tamén a participación do CESGA, así como a dun número de axentes públicos e privados que conforman un dos ecosistemas en saúde, biociencia e biotecnoloxía máis importantes de España. Entre eles, o propio Servizo Galego de Saúde (SERGAS), que avalou dende o principio a proposta sinalando que “as fortalezas da Universidade de Santiago de Compostela neste ámbito fana merecedora deste apoio á súa candidatura”.

A través da Cátedra promoveranse algunhas liñas estratéxicas para o obxecto de estudo desta iniciativa, como a aprendizaxe automática, o procesamento de imaxes e sinais, ou as tecnoloxías lingüísticas, mentres que as actividades de investigación, divulgación, docencia e innovación da Cátedra veranse ademais reforzadas a través de colaboracións estatais e internacionais. Todo un reto académico, científico, asistencial e social, tal e como se desprende das palabras de Senén Barro: “esta Cátedra non cambiará o mundo, pero axudará a facelo mellor”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.01.2024.